Skip to main content
Lugo

Preocupación no sector hortícola pola norma europea de fertilizantes

Por 22 Maio, 2022Maio 26th, 2022Sin comentarios

O novo regulamento europeo de fertilizantes está a xerar inquedanzas no sector agrícola. Así o constatou esta semana o foro da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH) que se reuniu na cidade de Lugo.

Os investigadores e representantes empresariais que participaron destas xornadas de fertilización, substratos, a morodo e outros froitos vermellos, clausuradas no día de onte, constataron a preocupación do sector de cara a este novo regulamento que está a entrar en vigor de xeito progresivo.

E é que esta normativa europea supón un cambio moi importante respecto ao regulamento anterior xa que inclúe unha ampla gama de produtos que, ata o de agora, quedaban fóra da lexislación europea.

As principais novidades están relacionadas co apartado de bioestimulantes, o uso de microorganismo ou a incorporación do sodio como macronutriente. Uns feitos que derivan en certas controversias.

A xefa da área de Fertilizantes e Produción Integrada do Ministerio de Agricultura, María Luisa Ballesteros, adiantou que, de cara a finais deste ano poderíase chegar a publicar un borrador desta futura normativa. Ballesteros aclarou, asemade, que as inquedanzas parten das posibles avaliacións de conformidade que esixe esta nova norma.

As dúbidas dos produtores estatais veñen dadas pola posibilidade de que se introduza a esixencia de rexistro dos seus produtos, un requirimento que, polo de agora, tan só afecta aos fertilizantes de base orgánica.

Ademáis desta preocupación, o foro afondou tamén sobre diferentes aspectos da fertilización. Así, os participantes puideron coñecer sobre o diagnóstico de fertilidade do cultivo para o control eficiente da aplicación de fertilizantes, con técnicas de análise de tecidos, de sabia ou medidas non destrutivas baseadas en diferentes técnicas de medición de radiacións.

Outro dos asuntos tratados esta semana tiña relación coa redución do impacto medioambiental da fertilización, que tende a transformarse en perda de nitratos na terra ou incremento de salinidade dos solos.

PROGRAMA

Dentro do programa desta semana incluíronse visitas técnicas. Na xornada de apertura, os participantes do foro da SECH puideron achegarse ás instalacións da fábrica de fertilizante orgánico granulado a partir de esterco de porco, en Portomarín; ou ás intalación e viñedos dunha famosa adega da Ribeira Sacra.

Na tarde do xoves, as visitan foron a unha explotación de arandos en Cerdido (A Coruña) así como a unha instalación luguesa especialista en xardíns vexetais.

O programa da derradeira sesión do foro comezou onte co relatorio A agricultura urbana e vertical: O futuro da produción de alimentos?, a cargo do enxeñeiro agrónomo Juan Pardo.

Foi o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luís Cabarcos, o encargado de presidir o acto de clausura desta xornada científica. Aí, Cabarcos destacou que a Xunta traballa na futura Lei de calidade alimentaria que terá como obxectivo conseguir que os produtos alimentarios galegos acaden unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía. Así, se favorecerá tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva.