Skip to main content
Lugo

Tomé da o pistoletazo de saída ao San Isidro da Milagrosa

Por 21 Maio, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ofreceu este venres o pregón da 25 edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía de San Isidro que se celebra esta fin de semana na praza lucense da Milagrosa.

Na súa intervención, que tivo lugar no salón de actos do colexio Salesianos, o mandatario provincial destacou que “a aposta polos produtores de proximidade e, hoxe máis que nunca, unha aposta de futuro, unha necesidade como país”.

Tomé Roca tamén puxo en valor as potencialidades do rural da provincia de Lugo e reivindicou uns servizos públicos de calidade para evitar así o despoboamento: “Queremos para Lugo un futuro cun rural dinámico e vivo. Un rural que xere emprego estable. Un rural con centros educativos, con sanidade ou con centros para as persoas maiores.

Un rural no que a xente nova poida desenvolver os seus proxectos de vida”. Tamén aproveitou o Presidente para felicitar á veciñanza pola organización dunha feira que “reivindica a calidade das materias primas do noso rural, dos produtos de proximidade, e do traballo dos nosos produtores e artesáns”.

O Presidente ratificou o seu compromiso co barrio da Milagrosa e da provincia: “Síntome moi honrado e moi agradecido de estar hoxe aquí, e síntome moi afortunado de que a miña actividade á fronte da Deputación de Lugo me permitise renovar a miña relación con este barrio dende unha nova perspectiva: Traballando e colaborando para que A Milagrosa, igual que o conxunto da nosa provincia, mellore e avance, en calidade de vida e en actividade económica. Este é e seguirá sendo o meu compromiso”.

A feira de San Isidro servirá esta fin de semana para dinamizar o barrio lucense da Milagrosa con actuacións culturais, degustacións e cunha trintena de postos procedentes de diferentes puntos de Galicia e Asturias.