Skip to main content
Lugo

Iniciadas as probas de acceso para ingresar ao Conservatorio de Danza de Lugo

Por 25 Maio, 2022Sin comentarios

O Conservatorio de Danza de Lugo acolle estes días as probas de acceso para ingresar, o vindeiro curso, nos primeiros niveis dos graos elemental e profesional. Para o vindeiro mes de xuño, están previstas as probas para o resto dos cursos.

A cifra actual de matriculados ronda os 200 e conta con 25 docentes, “21 máis que cando abriu no ano 2003, con 95 alumnos e catro profesores”, apuntou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias.

O delegado salientou que este centro, dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, é o único de Galicia onde se poden cursar as ensinanzas profesionais de danza Contemporánea.

Arias tamén se referiu á biblioteca especializada que alberga, única na Comunidade, que foi incorporando novos fondos grazas ás adquisicións que cada ano realiza o Conservatorio.

Formación
O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo é o único centro público galego onde se poden cursar as ensinanzas elementais e profesionais de danza.

Desde que iniciou a súa actividade foi medrando ata que no curso 2011/2012 acadou a implantación definitiva das ensinanzas desta disciplina, cos catro cursos de grao elemental e os seis cursos de grao profesional nas especialidades de Danza Clásica e Danza Contemporánea.

Tamén ten un cursiño preparatorio para o acceso de alumnado ao grao elemental.

Dadas as novas necesidades que foron xurdindo, o pasado verán levouse a cabo a ampliación do número de aulas plenamente operativas para a práctica da danza a través dunha partida económica específica da Consellería.

Ademais, conta cun sistema de xestión de calidade (SXC) certificado dende o ano 2016 grazas á posta en marcha por parte da Xunta do sistema de certificación da rede dos conservatorios profesionais de música e danza do sistema educativo de Galicia. Desde entón, o centro sométese regularmente a avaliacións internas e externas, alimentando iniciativas cara a mellora continua.