Skip to main content
Lugo

Nova acción en Lugo para reclamar un tren digno

Por 25 Maio, 2022Sin comentarios

O BNG colocou hoxe, de novo, unha mesa de recollida de sinaturas da campaña Lugo quere tren, campaña que busca “poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de servizos que son necesarios para as veciñas e veciños de Lugo”, segundo explicou Felipe Rivas, responsábel local do partido.

Rivas afirmou que “é preciso dotar Galiza de servizos ferroviarios dignos, con conexións interiores útiles pensadas para conectar ás galegas e galegos”.

O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible. Felipe Rivas afirmou que “a chegada do AVE a Galiza só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.

Entre as reclamacións do BNG para Lugo Contémplase a posta en marcha da variante de Parga sen dividir a vila, a conexión coa zona norte da provincia,  e a creación dun novo treito entre Curtis e Ordes que permita a conexión directa por ferrocarril entre Lugo e Compostela. “Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros”, afirmou Felipe Rivas.

O BNG iniciou a campaña Lugo quere tren! o pasado mes de novembro, cunha concentración. Durante a campaña participaron, nas distintas actividades, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado nacionalista no congreso do estado, Néstor Rego. Desde o BNG continuarase a colocar a mesa de  recollida de sinaturas todos os mércores ata final de mes.