Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo abre un expediente a un local de lecer nocturno

Por 26 Maio, 2022Maio 28th, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo vén de abrir un expediente a un local de lecer nocturno sito na rúa Dr. Fleming. Así llelo trasladou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, á veciñanza desa rúa nunha xuntanza solicitada polos veciños para abordar a “difícil situación” que están a vivir. En denuncias dos residentes, as noites de apertura do local sucédense ruídos e altercados.

Lara Méndez escoitou as demandas das persoas afectadas que lle trasladaron a imposibilidade da veciñanza da zona para poder durmir as fines de semana, os prexuízos que isto lles estaba a ocasionar ás crianzas e ás persoas maiores, principalmente, e tamén como as liortas na rúa son numerosas debido ao estado etílico da clientela, polo que moitos veciños tiñan medo de saír fóra das súas vivendas.

Méndez informounos de que o Concello abriu xa un expediente a este establecemento, que conta con varias denuncias tramitadas pola Policía Local e que, dende o Goberno municipal, se ían dar todos os pasos necesarios para que a veciñanza poida descansar tranquila e saír á rúa sen medo.

“É como debemos actuar cando non se concilia o dereito ao ocio dunha parte da poboación co necesario e lexítimo dereito ao descanso da cidadanía”, sostivo.

Igualmente, pediulles, “sabendo que non é fácil”, un pouco de paciencia. “Manter a presión policial é só unha solución temporal, mais vivimos nun estado garantista e cómpre agardar á finalización dos procesos aínda que non avancen todo o rápido que nos gustaría”, aclarou.

Así mesmo, acordou manter con eles unha comunicación directa para darlles conta en todo momento dos pasos que se están a seguir.