Skip to main content
Lugo

Fin á Olimpíada Matemática Galega, no Pazo de San Marcos

Por 27 Maio, 2022Maio 30th, 2022Sin comentarios

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, entregou na tarde de onte os premios da Olimpíada Matemática Galega, organizada pola Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA).

Maite Ferreiro participou no acto, no que se desvelaron os tres gañadores desta fase galega, que participarán na final estatal, a celebrar a finais de xullo en Castilla La Mancha.

O primeiro premio recaeu en David Lago, do IES Illa de San Simón, en Redondela; o segundo, en María Blanco Iglesias, do IES Cacheiras de Teo e, o terceiro, en Xosé González Prego, do IES Eusebio da Guarda, na Coruña.

Asemade, no acto, celebrado no Pazo de San Marcos, tamén se entregou unha mención honorífica -como cuarto clasificado- a Xosé Asorey Rendo do IES de Ames (Ames) e un premio á beleza matemática a Elia Crespo Pérez do IES Illa de San Simón (Redondela)
pola brillantez na resolución dun problema de xeometría.

As probas, que consistiron na resolución de cinco problemas relativos a diferentes áreas do coñecemento matemático, desenvolveronse durante a mañá -de 12 a 14 horas no Circulo das Artes-. Participaron nelas 40 alumnos e alumnas de 2º da Eso de centros de toda Galicia. Entre eles, estudantes do IES San Xillao e o IES Leiras Pulpeiro de Lugo, do CPI Luis Díaz Moreno de Baralla e do IES A Pinguela de Monforte.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que colabora un ano máis con esta actividade, agasallou a todas/os participantes con exemplares de Fotografía Matemática, libro editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo con imaxes compiladas por alumnado do IES Enrique Muruais da Pontenova que ilustran diferentes conceptos matemáticos, e de Contos de seu, de Xosé Tomás, un libro que leva a banda deseñada o
universo literario de Ánxel Fole, participado pola área de Cultura.