Skip to main content
Lugo

Publicadas as bases do concurso do cartaz do San Froilán 2022

Por 30 Maio, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo fixo hoxe públicas as bases que rexerán o concurso para elixir o cartel anunciador das festas patronais San Froilán 2022.

Coa publicación das bases, a área de Cultura convoca oficialmente o Premio de Deseño Gráfico ‘San Froilán 2022’ ao que poderán concorrer cantos autores o desexen, con traballos de técnica libre. Ademáis, cada persoa poderá presentar tantas obras como considere oportunas, sendo condición indispensable que as obras sexan orixinais.

Os deseños deberán contribuír a enxalzar a cidade de Lugo e as súas festas, incluíndo, en todo caso, o texto marcado polo Concello: Lugo – San Froilán 2022 – 4-12 de outubro – Festa de Interese Turístico Galego – Festa de Interese Turístico Estatal – www.sanfroilan.info. Ademáis levará a imaxe corporativa do Concello, así como os logotipos das redes sociais do evento, Instagram, Twitter, Facebook e Youtube.

O deseñador que gañe o concurso recibirá un premio de 2000 euros e, o seu traballo, será empregado como cartel anunciador das festas patronais e o Concello poderá reproducilo no tempo e forma que estime oportuno, xa que será da súa propiedade. Ademais, poderá cedelo a terceiros.

Os traballos poderánse entregar ata o xoves 16 de xuño en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50×70 cm. e con 72 ppp de resolución (1417×1984 píxeles). As obras podense presentar de tres formas diferentes: ou ben, de xeito presencial nas dependencias de Cultura do Concello, en lapis de memoria, ou por correo electrónico ao enderezo cultura@lugo.gal, indicando CARTEL SAN FROILAN 2022 ou ben por correo postal certificado dirixido á Área de Cultura, praza Maior 1, 27001 Lugo. Neste último caso, será necesario que envíe unha copia escaneada da folla de envío de Correos á conta de correo cultura@lugo.gal o día que se realice o envío.

Ademais da presentación, se algún participante o desexa tamén pode entregar o cartel montado a sangue sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50×70 cm.

Os traballos deberán ser presentados de xeito anónimo, identificándoos cun lema. En documentos á parte do cartel, acompañará: unha plica, identificada co mesmo lema có cartel, que conterá todos os datos persoais do autor: nome, apelidos, enderezo completo, correo-e e teléfono; unha copia escaneada do DNI ou equivalente; e unha copia escaneada da declaración xurada que figura no anexo I destas bases. É importante que este documento estea asinado. o orixinal por capas para a promoción, comunicación e sinalización do evento.

Malia que a técnica é libre, os carteis deberán evitar calquera tipo de propaganda subliminal que poida inducir ao consumo de alcohol ou calquera outro tipo de drogas, segundo a lexislación vixente.

As obras presentadas someteranse á decisión dun xurado integrado por 3 vogais con voz e voto, sendo presidido pola Ilma. Tenenta de Alcaldesa Delegada da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua ou persoa en quen delegue e asistida por persoal do Servizo de Cultura en funcións de secretaría, ambos sen voz nin voto.

Os vogais serán designados pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e serán persoas de recoñecido prestixio e vinculadas coa ilustración, o deseño gráfico e/ou sectores relevantes do eido da cultura, o turismo e da propia celebración da festa do San Froilán, sendo nomeados con carácter previo á celebración do concurso.

O xurado será o encargado de seleccionar a obra gañadora o día 21 de xuño ás 11:00 horas no Concello de Lugo.