Skip to main content
Monterroso

O PSdeG impugnará o último pleno extraordinario de Monterroso

Por 9 Maio, 2022Sin comentarios

Os socialistas de Monterroso veñen de anunciar a impugnación da última sesión plenaria do Concello. E é que os ediles do PsdeG cualificaron a reunión do pleno como “un auténtico fraude” e replican que a convocatoria “foi ilegal”.

O voceiro socialista, Rafael García, asegurou que a propia orde do día non se axustaba “á legalidade vixente, segundo a normativa que recolle o Regulamento de Organización, Funcionamento e Ráxime Xurídico das Entidades Locais”.

Así, dende o PsdeG monterrosino anuncian que impugnarán esta convocatoria, xa que, entenden, “que estamos diante dun pleno onde os acordos son nulos de pleno dereito”.

Segundo explican, na orde do día, convocada de xeito urxente e extraordinario, establece como primeiro punto a debate un expediente de modificación de crédito. “Cando a normativa explica que o primeiro punto desta orde ten que incluír o pronunciamento do porqué esta convocatoria de urxencia”, argumentan. Así, segundo a propia normativa, o pleno decidirá se aprecia a urxencia suficiente no asunto, en caso contratio levantaríase a sesión.

Outra anomalía que resalta o PSdeG, é o que se refire a participación dos concelleiros. “Presentamos un escrito para advertir que unha concelleira socialista ía participar de xeito telemático, pero a petición foi denegada. Cando a propia convocatoria informa de que pode realizarse deste xeito, limitando así o seu dereito constitucional a participar”, argumentan.

“Polo tanto estamos diante dun atropello político, xa que o Goberno de Monterroso limita o dereito constitucional dos asuntos públicos dunha concelleira elixida democraticamente, vulnerando o artigo 23 da Constitución, que sinala que é un dereito fundamental. Por iso anunciamos que nos reservamos a petición de responsabilidades penais”, insisten dende o PSdeG.

Rafael García afirma, “que tras escoitar as supostas intencións do goberno municipal, que agora mesmo goberna en minoría, para consensuar os grandes temas do Concello coa oposición, comprobamos tras esta celebración plenaria que Alcaldesa non ten ningunha intención de consensuar e de dialogar cos grupos políticos de Monterroso. Quixeron facer trampas, e saíulles mal a xogada”, advirte.

Por último Rafael García remarca que “estamos a favor de tódalas inversións que se proxecten no noso concello, pero creemos que esta convocatoria é ilegal. Na situación de inferioridade na que se atopa o Goberno Municipal emprazamos ao equipo a dialogar a buscar vías de consenso para o futuro deMonterroso. Os cidadáns merecen un goberno serio e responsable e non gobernantes con medias verdades, e que coartan as liberdades democráticas dos membros da corporación municipal”.