Skip to main content
Monterroso

Historiadores interésanse polo futuro museo de Monterroso

Por 11 Maio, 2022Maio 12th, 2022Sin comentarios

O Concello de Monterroso continúa a divulgar o seu patrimonio histórico e cultural a través das recentes pezas doadas por Carlos Méndez ao Concello, base do Museo das Feiras que, previsiblemente, abrirá o vindeiro mes de xullo.

Ese futuro museo que o Goberno local quere levar a cabo no municipio vén de recibir a visita do catedrático da historia antiga da Universidade de Alacante, Juan Manuel Abascal Palazón, e de Alberto López Fernández, secretario da Fundación Luis Monteagudo.

Un interés, por este museo, que foi agradecido pola rexedora, Rocía Seijas, quen, xunto ao tenente alcalde e a historiadora e futura directora do museo, recibiu a estes expertos que viñeron tamén acompañados polo xornalista, José Manuel Salgado.

O obxectivo desta visita é divulgar e estudar as pezas romanas; en especial dun pondus romano, no que tras un estudo se manifestou que posiblementes se empregara como pesa ou medida en feiras.

Asemade, segundo explica o Concello, os estudosos interesáronse pola réplica do Miliario de Caracalla, recentemente ubicado no campo de Caracacho e que é unha acción máis do concello para “reivindicar e situar Monterroso historicamente como cruce de camiños nun lugar emblemático como o Caracacho”.

Lembran así que o campo de Caracacho “é unha zona de confluencia da Vía Antonina co Camiño Santo que están impulsando como variante xacobea”.

Doutra banda, aseguran que o Concello de Monterroso continúa coas obras para pór en marcha este Museo das Feiras que será “un referente polo valor das pezas recentemente doadas por Carlos Méndez e que poñerá en valor un evento cultural histórico, cultural, gastronómico e económico como son as Feiras de Monterroso”.

”Estase a traballar na musealización e as obras interiores xa están prácticamente rematadas”, asegurou o Goberno local que avanzou que “nos próximos días licitarase a climatización, a envolvente térmica e a reforma e reparación da fachada exterior”.