Skip to main content
Monterroso

O PSdeG de Monterroso critica o peche da vivenda comunitaria

Por 31 Maio, 2022Sin comentarios

O PSdeG de Monterroso vén de amosar un enérxico rexeitamento ao peche da vivenda comunitaria da vila.

Unhas declaracións feitas polos socialistas tralo anuncio público de que este centro pecha definitivamente as súas portas. Asemade, critican que as tres traballadoras que actualmente prestaban os seus servizos “deixarán de acudir aos seus postos a partir deste martes ao ser despedidos polo Concello”.

O Voceiro do PSdeG no Concello de Monterroso, Rafael García, asegurou que o “único obxectivo” do equipo de Goberno sempre foi pechar esta instalación “e o despedimento das traballadoras”.

“Hoxe caéuselles a máscara ao Goberno Local e detrás deste peche perdemos un servizo esencial para a nosa e vila e para a Comarca, e destruímos postos de traballo que o concello tivo que indemnizar con máis de 30.000 euros. Unha actuación lamentable e incompetente”, replicou.

Os socialistas consideran que o centro debería ter un enfoque diferente “para garantir a viabilidade”. E é que, segundo opinan, “o futuro da instalación pasa por transformala nun Fogar Residencial, que a diferencia das vivendas comunitarias son centros asistenciais pensados en cubrir necesidades especiais das persoas maiores que padecen algún tipo de dependencia”, explican.

Neste senso, lembran que “o pasado mes de febreiro defendemos unha moción relativa a conversión da vivenda comunitaria en fogar residencial, pero lamentablemente esta proposta foi rexeitada polo equipo de goberno de IXM xunto co PP”, critican.

O PSdeG quixo tamén valorar as declaracións de Alcaldía nas que sinalaban que o centro pechaba ao quedar sen usuarios, e que precisaba unhas reformas que requerían dun investimento importante.

Din os socialistas que “non é verdade” o peche da instalación pois a principal problemática son as humidades da fachada e a impermeabilización da cuberta. “Unhas melloras que para nada impedirían o normal funcionamento do servizo”.

Doutra banda, denuncian que “co paso do tempo foise reducindo o número de usuarios desta vivenda” e que o Goberno local fixo “absolutamente nada” para evitalo. De feito, a formación ten constancia de que algunhas persoas pediron praza no centro e “a resposta foi que non se aceptaban novas altas”.

Nesa liña, dende o PSdeG denuncian a incompetencia do Goberno de Monterroso neste asunto. “O único que fixeron ata o de agora foi concentrar tódolos esforzos en facer unha exposición crítica e descualificadora da Vivenda Comunitaria, sen preocuparse en solventar as deficiencias que presentaba o edificio e sen preocuparse tamén en buscarlle o encaixe máis idóneo para garantir a viabilidade deste servizo ao longo do tempo”, insisten.

Dende o Grupo Socialista de Monterroso avanzan que “seguiremos pelexando por mellorar a calidade asistencial das nosas veciñas e veciños, e sobre todo, como neste caso cando está en xogo o coidado dos nosos maiores, merecen unha xubilación digna. Cónstanos que a maioría dos concellos están a pelexar para tratar de ofrecer unhos servizos sociais óptimos a súa veciñanza e potencialos na medida das posibilidades. Pero unha vez máis en Monterroso somos a excepción, o Goberno está máis preocupado por destruír que por construír, esta é a súa política”.