Skip to main content
Portomarín

Portomarín, escenario dun simulacro de coordinación ante incendios

Por 24 Maio, 2022Sin comentarios

Portomarín foi hoxe escenario dun simulacro para asegurar a coordinación do Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais en Galicia (PEIFOGA) que involucra a servizos de todas as administracións.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou nos labores xunto co alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, entre outros.

O operativo congregou a un centenar de efectivos. Por parte da Xunta interviñeron brigadas do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, técnicos da Dirección Xeral de Emerxencias e da Axega, da central de urxencias 061, e membros da Policía Autonómica.

Participaron tamén a Subdelegación do Goberno en Lugo, a Garda Civil, o parque de Chantada do Consorcio Provincial de Bombeiros, o concello de Portomarín, así como a Federación de asociacións de Protección Civil de Lugo, o GES de Monterroso e a Cruz Vermella.

O simulacro partiu dun suposto incendio rexistrado nas inmediacións do punto quilométrico 4 da estrada LU-P-4909, en Bagude. Durante o exercicio, practicáronse todas as situacións posibles, activando inicialmente o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) e o PEIFOGA en situación 0 e declarando logo a situación 2 pola posible afectación a bens non forestais, en concreto polo risco para catro núcleos de poboación nesta parroquia e na de Gonzar.

Arias explicou que esta operación pretende testar -e corrixir, de ser o caso- a coordinación e actuación dos medios que deben intervir en cada fase do incendio.