Skip to main content
Axenda RIBEIRASACRAXAMonforte

Xornada de cine documental no Ateneo para recadar fondos para menores sen recursos de Gambia

Por 20 Maio, 2022Maio 21st, 2022Sin comentarios

O Ateneo Casino monfortino acolle este sábado 21 de maio unha xornada solidaria de cine documental para recadar fondos para un proxecto de acollida e escolarización de nenos e nenas en Gambia.

O proxecto, New Life Family House, é impulsado pola ONG española Harit Gambia en colaboración coa asociación gambiana New Life Family. Trátase dun centro de acollida en Lamin, Gambia, no que viven actualmente 25 menores de familias sen recursos.

Co obxectivo de colaborar co centro acollida, o Ateneo organiza a xornada Cine para o Cambio, na que se proxectarán tres documentais de curta duración que achegarán aos asistentes a realidades dispares, dende Gambia ata Colombia, pasando por unha vila de Lugo. Os tres filmes foron premiados en múltiples festivais internacionais.

Os asistentes á xornada, a través da compra dunha entrada solidaria, contribuirán concretamente á compra dun depósito de auga para o centro de acollida e a sufragar o incremento do costo da cesta de alimentación básica. A achega orientativa é de 10 euros, que se destinan integramente á causa.

TRES HISTORIAS CON MENSAXE

A xornada comeza este sábado 21 ás 18.00 horas. Tras unha breve presentación da xornada, proxectaranse primeiro as curtametraxes Born in Gambia e Augas Abisais.

A curtametraxe Born in Gambia, dirixida por Natxo Leuza, conta a violencia e a discriminación ás que deben enfrontarse tantos nenos e nenas de Gambia a través de historias persoais como a de Hassan, un neno que debe fuxir da casa por estar ameazado de morte ao ser acusado de bruxería.

A curtametraxe Augas Abisais mergúllase nas historias ocultas da Guerra Civil española a través dunhas cartas que un soldado dunha vila de Lugo envía á súa familia. Dirixida por Xacio Baños, foi nomeada a mellor documental na edición deste ano dos Premios Goya.

Tras unha pausa, a xornada rematará co documental Pacífico Sur, dirixido por Inés Paz e a monfortina Marta González Mira, quen ademais estará presente na proxección para un pequeno coloquio.

Ano e medio despois da sinatura do acordo de paz entre o goberno colombiano e as FARC, este documental de 70 minutos trata a complexidade do proceso de paz poñendo o foco no departamento de Nariño, a zona de Colombia con maior produción de coca e bastión histórico da guerrilla.