Skip to main content
Monforte

O Eixo Atlántico gaña o IV Premio ó Ferrocarril de Monforte

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular gañou o cuarto Premio Monforte ao Ferrocaril, convertíndose na primeira institución en conseguir o recoñecemento outorgado pola Asociación Monfortina Amigos do Ferrocarril (AMAFER) e que se entregou na Casa Consistorial.

O alcalde de Monforte e tamén presidente do xurado que outorgou este galardón, José Tomé Roca, foi o encargado de desenvolver un acto no que lle fixo entrega do premio á presidenta desta institución, Lara Méndez López, quen estivo acompañada polo Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao.

O rexedor monfortino salientou entre os motivos que tivo o xurado para acordar por unanimidade premiar por primeira vez a unha institución coma o Eixo Atlántico, “o seu interese, compromiso e defensa do ferrocarril en Galicia, algo que reiteradamente ven manifestando e demostrando esta institución a través do seu quefacer diario”.

En concreto, José Tomé destacou a organización que o Eixo Atlántico leva a cabo de foros arredor do ferrocarril para o debate, así como a aportación de estudos técnicos que vinculan as redes férreas da Eurexión Galicia-Norte de Portugal.

VÍNCULO NA EURORREXIÓN

“Todas estas iniciativas e este traballo desenvolto polo Eixo Atlántico serven como ferramentas para dar a coñecer a cuestión ferroviaria e reivindicar o ferrocarril na nosa comunidade autónoma, establecendo ademais vínculos sociais e económicos no conxunto da Eurorexión”, explicou o alcalde de Monforte.

No mesmo senso, José Tomé, salientou que “nos últimos anos, cabe destacar que o Eixo Atlántico leva promovido diversos estudos sobre as liñas ferroviarias das provincias de Lugo e A Coruña. Ou a proposta que presentou no ano 2021 para que se investiran 3.000 millóns de euros para completar o mapa ferroviario en Galicia”.

“En definitiva”, subliñou o alcalde, “a finalidade do premio que entregamos hoxe é recoñecer a labor das persoas e das institucións que traballan pola promoción, o estudo e a reivindicación da importancia do ferrocarril para a vertebración de Galicia, e non hai dúbida de que a labor do Eixo Atlántico encaixa perfectamente no espírito deste premio”.

MELLORAR A CONEXIÓN FERROVIARIA

A presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, tivo palabras de agradecemento e destacou que dende o Eixo Atlántico se seguirá a traballar para que a provincia de Lugo en particular e Galicia en xeral dispoñan da mellor conexión ferroviaria posible e que o ferrocarril serva para artellar as conexións de persoas e mercadorías na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal.

O alcalde tamén aproveitou para destacar a importancia que o ferrocarril tivo dende sempre na historia de Monforte, “cidade que ten que seguir xogando un papel principal no desenvolvemento do ferrocarril en Galicia, no que se refire ó transporte de persoas, pero sobre todo na loxística e no transporte de mercadorías polos camiños de ferro”. E recordou a trascendental importancia da recente chegada do AVE ata Ourense “que supón un fito histórico para a nosa comunidade”.

No acto de entrega destes premios tamén estiveron presentes o resto de representantes das entidades que compoñen o xurado: o deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, a xefa territorial en Lugo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, María José Nistal Díaz, o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, Enrique Urcola Fernández-Miranda, e o vicedecano do Colexio de Xornalistas,  Xosé Manuel Pereiro.

Tamén estiveron presentes o Presidente de AMAFER e secretario do xurado, Fermín Avellaneda, a 1ª tenente de Alcalde, Gloria Prada, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime Luis López Vázquez, así como varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal.

PREMIO BIANUAL

O galardón Monforte ó Ferrocarril ten carácter bianual. Na primeira edición, celebrada en 2014, AMAFER rendeu homenaxe ó secretario xeral de Transportes do Ministerio de Fomento, José Luis Cachafeiro. Dous anos despois, en 2016, o premio foi para o ex director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, e en 2018 recolleu o galardor Isabel Pardo de Vera Posada, naquel momento directora xeral do Departamento de Explotación e Construción do ADIF.