Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Albores recibe o apoio da Xunta para dous programas de atención integral

A visita de Javier Arias, delegado territorial da Xunta, ás instalacións do colectivo Albores Saúde Mental de Monforte de Lemos, acompanhado entre outras persoas polo xerente da área sanitária, Ramón Ares, serviu para poñer en valor e coñecer o traballo desta entidade.

A Consellería de Sanidade colabora con Albores Saúde Mental no impulso de dous programas de atención integral no eido da saúde mental na zona sur da provincia de Lugo. Este colectivo beneficiou-se o ano pasado de 25.000 euros a través das axudas destinadas á realización de iniciativas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito da saúde mental.

Un dos programas desenvolvidos por Albores consiste nun servizo de axuda no fogar para favorecer que as persoas que sofren este problema adquiran autonomía na súa vida cotiá e poidan permanecer no seu entorno habitual. Estímase que esta medida tivo máis de 30 beneficiarios entre os afectados e os familiares. No ano 2020 a asociación levou a cabo 728 intervencións no marco deste plan.

A segunda acción busca facilitar a inserción sociolaboral deste colectivo, con actividades que incrementen as súas posibilidades de atopar e manter un emprego. Para iso prográmanse obradoiros individuais e grupais que abordan cuestións como as habilidades precisas para buscar traballo. Tamén se fai acompañamento en entornos normalizados de emprego e formación.

PRAZO ABERTO

A través da convocatoria de 2022, a Xunta de Galicia destina 841.177 euros a financiar os programas que desenvolven as entidades sociais sen ánimo de lucro do eido da saúde mental. O prazo para presentar solicitudes está aberto ata o 11 de maio.

Nesta ocasión, a Xunta de Galicia adianta en tres meses a convocatoria con respecto ao ano pasado para facilitarlles aos beneficiarios a execución dos fondos. Ademais, anticipará o cen por cento da subvención no momento da notificación da concesión.

Arias destacou que nesta edición mantense unha liña diferenciada para o desenvolvemento de programas de prevención do suicidio, que se incorporou por primeira vez o ano pasado. De feito, este aspecto constitúe unha das prioridades marcadas polo Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024.

PREVENCIÓN DO SUICIDIO

No marco deste plan estendeuse a rede de unidades de atención á saúde mental na sanidade pública galega. En concreto, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos púxose en marcha unha unidade de prevención do suicidio e cóntase con psicólogos clínicos de enlace de primaria e hospitalaria. E este mesmo ano porase en funcionamento un hospital de día infanto-xuvenil en Lugo.