Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

Por 17 Maio, 2022Maio 19th, 2022Sin comentarios

É un reflexo da cultura galega no século XX, promotor de iniciativas editoriais e radiofónicas.

Galicia é infinda! Nosa Galicia é máis ca toda a Terra. Non é xa o cativo currunchiño que din escolas vellas. Cómprenos desbotar antigos erros fillos de mente estreita: Galicia é infinda!

Florencio nace case ao mesmo tempo  que o novo século, no 1903. A súa familia firmemente vinculada co traballo da terra inculcoulle non só o respecto polo medio senón tamén polo idioma e a cultura galega.  Aínda despois de pasar case toda a nenez dunha cidade castelá  a outra nunca esquece Valdeorras, onde regresan cada verán. E onde volve tras a morte da súa nai coa carreira de dereito rematada para comezar unha nova vida. En Valdeorras participará da vida cultural e política, participando activamente na creación do Partido Galeguista e nas primeiras eleccións da II República.

O golpe de estado militar de 1936 que provocou a Guerra Civil colle ao noso poeta en Valdeorras de onde tenta escapar rapidamente ao ver o cariz que a contenda está a tomar. Os coñecementos dos montes da comarca do seu irmán, Lucio, serán a axuda máis eficaz para marcar unha rota de escape a través de Portugal cara Bordeos. Unha vez en Francia atópase con compañeiros da loita cos que decide volver a España para loitar do lado do goberno da República. A victoria dos franquistas píllao en Francia onde comeza unha labor fundamental para conseguir que moitos exiliados crucen o Atlántico cara unha nova vida.

Trala súa chegada a Veracruz comeza a nova vida, nun primeiro momento sempre coa idea de que en poucos anos regresaría a Valdeorras mais esa visita dilatouse máis do esperado. Pronto formou familia coa súa querida Celia, unha filla de emigrantes galegos que coñeceu mentres trataba de venderlle zapatos. Realizou diversos traballos ata que se asentou na empresa farmacéutica Queralt Mir onde traballou ata a súa xubilación. Pero o seu traballo máis importante foi do lado do grupo de emigrantes galegos no país, xunto aos que formou unha rede cultural galega imprescindible para a nosa historia.

OBRA. Os primeiros bocexos de literatura aparecen recompilados nunha vellas carpetas que el mesmo titulou xa na vellez como Trangalladas de meniño…Parvadas aquí vemos xa xogos de creación literaria e de rima de elevada calidade para a época na que foron feitos.

Despois deste xogos rimados comeza a publicar nos anos trinta poemas soltos nos xornais O Heraldo Gallego e A Nosa Terra. Algún dos poemas que aparecen son as primeiras versión dos que despois comporán Bebedeira. Comeza a crearse aquí o mundo máxico da natureza de Valdeorras no seu maxín. Os primeiros poemas que atopamos son: O Castiñeiro morto, Vente, ventiño do norte, Festas. Folión de vran, Ruada, Cantiga da vindima, Muiñada

Tamén nesta época comezan a aparecer os primeiros poemas de corte social e reivindicativos, Romanzo do cabaleiro e Xuntanza, nos que recorda a chamada de Pondal á redención da “nai” Galicia e arenga aos galegos a emprender unha loita que defenda a terra. Outra rama social e de crítica vai ser a que levará como eixo vertebrador a lingua galega. Nese momento a perda de falantes  cara o castelán por prexuízos lingüísticos afectaba nomeadamente ás clases medias-altas, os que aínda tendo un sentimento de filiación coa terra galega non o tiña co idioma por consideralo campesiño e pobre. Isto vémolo por exemplo en Carta de Guan de la era al Doutor Nuevo Campito ou Falan Castelán. Moitos destes escritos aparecerán tempo despois no Cancioneiro de Loita e no Soño do Guieiro.

REPARTO DE LIBROS NOS COLEXIOS

Coincidindo co ano de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán polas Letras Galegas, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo fará chegar aos centros educativos da provincia un lote de publicacións relacionadas co autor ourensán, entre elas, unha edición que recompila a súa obra poética e libros divulgativos da súa traxectoria literaria e vital.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “se trata dunha iniciativa que vimos desenvolvendo nos últimos anos, cos autores e autoras homenaxeadas polas Letras Galegas” e “coa que tratamos de contribuír á difusión da obra e da biografía de Florencio Delgado Gurriarán a través dos centros educativos, que se implican moito na celebración desta data tan relevante para a cutura galega”. Apuntou tamén que “coa adquisición das publicacións, se apoia tamén a produción editorial e a investigación sobre o autor”.

As publicacións que se farán chegar aos centros educativos son as seguintes:

  • Obra poética de Florencio Delgado Gurriarán, unha edición a cargo do profesor e crítico Xosé Ramón Pena que recompila a produción lírica coñecida do autor valdeorrés – Bebedeira, Galicia infinda, Cantarenas O soño do guieiro e outros textos aparecidos en publicacións periódicas -.
  • Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, unha reedición actualizada dunha obra de referencia na difusión da biografia e da obra do poeta editada por primeira vez no 1999 por Ediciós do Castro.
  • Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, de Héctor Cajaraville, pensado para achegar a obra e o perfil biográfico do poeta ao público infantil e xuvenil.
  • Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía Gómez, unha obra divulgativa con pictogramas.