Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Chantada, Pantón, Ribas de Sil e Sober recibirán 57.600 euros da Xunta para combatir o feísmo

Por 11 Maio, 2022Maio 12th, 2022Sin comentarios

Os concellos de Chantada, Pantón, Ribas de Sil e Sober recibirán axudas por un importe global de 57.600 euros para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos e edificios municipais por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto co alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, visitaron neste municipio a nave de usos múltiples que se reformará ao abeiro do programa de apoio ás entidades locais para instaurar o fermosismo, avanzando na loita contra o feísmo nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

A Consellería vén de resolver esta orde de axudas, convocada en xaneiro por 600.000 euros e cuxo crédito acaba de ampliarse ata os 800.000 euros. Recolle dúas liñas de actuación. A primeira subvenciona obras para emendar o impacto negativo que causan sobre a contorna edificacións nas que se prestan servizos municipais. A segunda está pensada para mellorar equipamentos públicos propiedade dos concellos, con especial fincapé nos elementos etnográficos.

As achegas poden acadar o 70% do custo estimado -ata un máximo de 20.000 euros por liña- e as actuacións deben adaptarse aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia ou aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

ACTUACIÓNS

O Concello de Pantón mellorará o aspecto da nave, substituíndo a cuberta de chapa por outra de panel tipo sandwich e recebando e pintando os muros de bloque. Ademais  incorporará canles e baixantes de aluminio lacado e construirá un novo peche da parcela. Recibe a achega máxima de 20.000 euros.

Ademais, Sober recibe 14.000 euros para renovar o palco da música de Proendos, Ribas de Sil terá 13.000 euros de financiamento para actuar nos paramentos verticais dun depósito de augas municipal e dun muro de contención situados na área recreativa de San Clodio. E Chantada contará con 10.500 euros para actuar no lavadoiro da Portada, na traza do Camiño de Santiago.

800.000 EUROS

No conxunto de Galicia, a Xunta concedeu 52 axudas a 42 concellos galegos —algúns recibiron unha por cada liña—, por un importe global de 800.000 euros, esgotando o crédito consignado a esta orde de incentivos. No que respecta á provincia de Lugo, resultaron beneficiados un total de 16 concellos con achegas que suman 240.000 euros.

TAMÉN PARA PARTICULARES

A Consellería de Medio Ambiente convocou tamén unha liña de axudas para particulares, que acadou as 2.000 solicitudes e que ten previsto resolver este mesmo mes.

SEGUNDA CONVOCATORIA

En 2021 convocáronse por primeira vez estas ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos. En Lugo aprobáronse achegas para 126 obras promovidas por particulares por unha contía total de 344.000 euros e 12 promovidas por concellos, con apoios que sumaron 149.000 euros. Destes, 43.000 euros foron para obras en Ribas de Sil, Taboada, Pantón e Chantada.

En vista do éxito da primeira edición, a Xunta decidiu convocar de novo este ano ambas liñas de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas, tanto públicas como privadas, e a contorna paisaxística.