Skip to main content
Deportes RIBEIRASACRAXAMonforte

O Neka exhibe o seu potencial na Praza de San Marcos

Por 20 Maio, 2022Maio 21st, 2022Sin comentarios

As e os deportistas do Neka Monforte que veñen de participar no Campionato do Mundo de Corea fixeron unha exhibición na Praza de San Marcos, durante un acto de recepción e recoñecemento impulsado pola Vicepresidencia da Deputación.

Laura Álvarez, Daniel Areán, Aitor Teijeiro, Lucía Roca, Marco García, Karla Novo, Álex Camba e Carlos Rey fixeron unha demostración da orde, calidade técnica,  precisión e velocidade que require a práctica desta disciplina deportiva e que fixeron valer no torneo mundial celebrado do 24 ao 29 de abril.

O deputado de Deportes Efrén Castro felicitou “ao club monfortino polo éxito deportivo, que supón un reforzo para o traballo que veñen realizando” e explicou que “propuxémoslles aproveitar a ocasión para realizar esta exhibición para dar visibilidade a este deporte e facer partícipe ao público dos logros acadados en Corea”.

O responsable provincial subliñou “a importancia de reforzar socialmente estas disciplinas para que os rapaces e rapazas que queiran practicar deporte valoren diferentes opcións e  elixan as que máis se axusten aos seus intereses”.

DOUS BRONCES NO MUNDIAL

Laura Álvarez e Daniel Areán lograron a medalla de bronce do campionato mundial na categoría parella junior. Aitor Teijeiro e Lucía Roca foron sextos do mundo na categoría parella cadete. Marco García logrou unha quinta praza na modalidade de trío junior, na que formou equipo co propio Daniel Areán e cun taekwondista murciano.

Karla Novo logrou a novena praza en trío junior, xunto a sadense Yaiza Velo e unha deportista de Málaga. Álex Camba e Carlos Rey, que son os actuais campións de Europa na categoría trío senior, quedaron ás portas das rondas finais.