Skip to main content
Chantada

A Xunta mellora o firme de sete quilómetros na LU-213 en Chantada

Por 9 Maio, 2022Maio 11th, 2022Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar a semana pasada as obras de reforzo do firme en 7,2 quilómetros da estrada autonómica LU-213, que comunica Chantada co Alto do Faro, onde conecta coa vía de altas prestacións CG 2.1.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a marcha dos traballos que servirán para mellorar a vía desde o seu inicio en Chantada ata uns 200 metros pasada a travesía de Limiñón, na parroquia chantadina de Muradelle.

Arias explicou que nos 4,6 primeiros quilómetros desde Chantada os traballos consisten na realización de fresados e a reposición localizada do firme nos puntos máis deteriorados. Nos 2,6 quilómetros restantes estenderase unha nova capa de rodaxe en toda a lonxitude.

A rehabilitación do pavimento faise con mestura bituminosa en quente en todo o treito. Unha vez finalizadas as obras repintaranse as marcas viarias. As obras teñen un prazo total estimado de tres semanas.

Arias afirmou que a mellora beneficiará a moita veciñanza da zona á que da servizo esta estrada. En Limiñón, onde a nova capa de rodaxe xa está executada, a LU-213 conflúe con outras dúas vías autonómicas: a LU-202, que continúa ata Pensasillás, na parroquia chantadina de Laxe, e a LU-211, que conecta co Alto de San Roque en Taboada.