Skip to main content
Folgoso do Courel

O albergue municipal de Folgoso mellora a súa eficiencia enerxética e climatización

Por 6 Maio, 2022Maio 7th, 2022Sin comentarios

O albergue municipal de Folgoso do Courel recibiu a visita da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para coñecer as melloras realizadas en colaboración da Xunta para optimizar a eficiencia enerxética e a climatización do edificio.

As obras levadas a cabo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) consistiron na eliminación das instalacións obsoletas de baixa eficiencia enerxética e de alto custo económico e a colocación dunhas instalacións de climatización axeitadas co obxectivo de acadar unha calidade térmica do ambiente nos distintos locais todo o ano, adaptada tanto ao frío do inverno como aos meses de calor. En resumo, como indicou Natalia Prieto, “unhas instalacións máis avanzadas que son necesarias e imprescindibles, de baixo consumo e de alta eficiencia enerxética que, ademais, permiten rebaixar as emisións de gases contaminantes”.

A través do Fondo de Compensación Ambiental, a Xunta colabora cos concellos galegos na posta en marcha de proxectos destinados a evitar a degradación ambiental, na contratación de persoal e na adquisición de vehículos e maquinaria para a protección do medio ambiente. Iso ademais de mellorar a rede de abastecemento de auga, de saneamento e do servizo de recollida de lixo, de levar a cabo actuacións de eficiencia enerxética e de emprego das enerxías renovables na luz pública, nas instalacións e edificios municipais e nos equipamentos de alta eficiencia enerxética. O FCA permite tamén colaborar cos concellos na compra de vehículos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco.

MÁIS ACTUACIÓNS

Nos últimos anos, a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Administración Local, colaborou na realización de importantes actuacións neste municipio, con axudas que superan os 760.000 euros. Entre outros proxectos levouse a cabo a mellora de infraestruturas rurais en Reibarba e no núcleo de Ferramulín, así como a rehabilitación da antiga escola de Visuña, a optimización enerxética das instalacións de luz pública, a modernización das redes de abastecemento e saneamento ou a pavimentación de camiños en lugares como Mercurín, Eiriz, Noceda, Souto da Carroza ou Carballal. As achegas permitiron, ademais, mellorar os parques infantís con novas instalacións para os pequenos do lugar.