Skip to main content
Monforte

A Xunta invita aos concellos da comarca a coñecer os programas de axudas en materia de vivenda

Este é o segundo encontro informativo ‘Construíndo Fogar’ que se celebra na provincia de Lugo e terá lugar o luns, 9 de maio, ás 10,30 h, no Centro de formación e experimentación agraria de Monforte de Lemos, coa participación de persoal do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Encontro informativo en Lugo

A Xunta de Galicia invita ao tecido social da zona sur de provincia de Lugo a coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda ás que poden optar os cidadáns e os concellos.

Esta nova sesión dos encontros informativos Construíndo Fogar terá lugar o vindeiro luns, 9 de maio, ás 10,30 horas, no Centro de formación e experimentación agraria (CFEA) de Monforte de Lemos (rúa Alfredo Brañas, s/n), e contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para informar dos detalles de máis dunha trintena de liñas distintas de incentivos e resolver as dúbidas dos asistentes.

Trátase do segundo encontro que se celebra na provincia de Lugo e o noveno na Comunidade. Está aberto ao público en xeral e están convocados representantes dos concellos de Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada.

Asemade, tamén se invitou a entidades, como os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas de Pontevedra; e a empresas do sector da vivenda e da rehabilitación edificatoria, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción.

O obxectivo é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, así como dos trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria.

Así, o IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. A maioría están dirixidos aos particulares, pero tamén existen outros que son exclusivamente para os concellos.

Ademais, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro.

No encontro tamén se presentarán aqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da zona, como son as axudas á área de rehabilitación integral supramunicipal da Ribeira Sacra, no caso de Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada.

Así mesmo, a zona tamén se ve beneficiada dos incentivos da área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, xa que por Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Broullón, O Saviñao e Quiroga discorre o Camiño de Inverno. Asemade, Chantada, Monforte de Lemos e Quiroga contan con centro histórico declarado, polo que poden beneficiarse dos incentivos para a compra de inmobles neste ámbitos concretos.

Nova Oficina de rehabilitación

A Consellería de Medio Ambiente considera necesarios e fundamentais estes encontros, para dar a coñecer a existencia das liñas de subvencións dispoñibles; animar aos posibles beneficiarios a presentar unha solicitude, ofrecendo información de directa, práctica e útil, e sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.

Así mesmo, o encontro da capital galega servirá presentar a Oficina de rehabilitación de vivenda, posta en marcha pola Xunta e que está chamada a ser un punto informativo para asesorar e dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios os novos programas de axudas con fondos europeos en materia residencial.