Skip to main content
Monforte

Monforte acollerá cinco cursos sobre xestión técnica e económica de distintos tipos de explotacións

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos será o escenario a próxima semana de ata cinco xornadas sobre xestión técnico-económica de distintos tipos de explotacións impulsadas pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. As accións, de catro horas de duración cada unha, desenvolveranse de 10.00 a 14.15 horas.

O obxectivo dos cursos é presentar a xestión técnico-económica como unha ferramenta para impulsar a rendibilidade da actividade agrogandeira, analizando o concepto e, de maneira pormenorizada, as fases que comprende, así como o produto final que se obtén. Tamén se abordarán aspectos como os investimentos, o cálculo das amortizacións técnicas ou os préstamos, para finalizar con exercicios prácticos que axuden aos alumnos a asimilar o aprendido.

Así, o 16 e o 18 de maio están programadas senllas sesións orientadas á gandaría en extensivo, o 19 haberá unha centrada nas granxas sen terra e o día 20 unha para os titulares de explotacións de cultivos, fruticultura, vitivinicultura ou apicultura. A quinta xornada, dirixida ao vacún de leite, será tamén o luns 16 e nela falarase da situación do sector, así como da aplicación Conta Láctea, impulsada pola Xunta para que os gandeiros poidan calcular os seus custos de produción e profesionalizar a xestión das súas explotacións.

Estas iniciativas están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

AUMENTAR A COMPETITIVIDADE

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de preinscrición correspondentes, que deben remitirse cubertas en calquera dos casos ao enderezo electrónico cesar.crespo.vazquez@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982 889 106.

CURSO DE AFORRO ENERXÉTICO

Como previa a estas accións formativas, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria ten previsto celebrar unha xornada formativa sobre o manexo sustentable das instalacións de porcino, avícola e cunícola, co fin de conseguir un aforro enerxético. A acción está programada o vindeiro xoves 12 de maio, de 10,00 a 14,15 horas.

O obxectivo do curso é mellorar a capacidade de resolución de problemas dos participantes á hora de planificar, organizar, dirixir e controlar os sistemas e procesos produtivos desenvolvidos no sector agrario, nun marco que garanta a competitividade sen esquecer a protección e conservación do medio ambiente e a mellora e desenvolvemento sustentable do medio rural.

Así, mediante material de demostración e actividades individuais ou en grupo incidirase en distintas variables das explotacións de gando porcino, avícola e cunícola. En concreto, abordaranse os sistemas de climatización ou as enerxías renovables aplicables ao porcino, prácticas de manexo, posibles materiais para camas ou sistemas de iluminación para a avicultura e tipos de bebedoiros ou opcións de alimentación para os coellos. Tras as exposicións, será a quenda das prácticas para aplicar todo o aprendido.