Skip to main content
Monforte

Monforte celebra o Día Mundial sen Tabaco

Por 31 Maio, 2022Xuño 1st, 2022Sin comentarios

O Concello de Monforte súmase ó Día Mundial sen Tabaco, que se celebrará este martes 31 de maio.

O Día Mundial Sen Tabaco celébrase en todo o mundo para informar ó público acerca dos perigos que supón o consumo de tabaco, as prácticas comerciais das empresas tabacaleiras, as actividades da OMS para loitar contra a epidemia de tabaquismo, e o que as persoas de todo o mundo poden facer para reivindicar o seu dereito á saúde e a unha vida sa, e protexer ás futuras xeracións.

O lema neste ano é “O tabaco, unha ameaza para o noso medio ambiente”. A campaña ten por obxectivo sensibilizar ao gran público sobre o impacto ambiental que ten o tabaco, desde o seu cultivo e produción ata a súa distribución, sen esquecer os residuos que xera. Esta campaña dará aos consumidores de tabaco un motivo máis para deixalo.

A Asemblea Mundial da Saúde instituíu o Día Mundial sen Tabaco en 1987 para chamar a atención mundial cara á epidemia de tabaquismo e os seus efectos letais. A celebración deste día é unha oportunidade para destacar mensaxes concretas relacionadas co control do tabaco e fomentar a observancia do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco. O consumo de tabaco é a principal epidemia previble á que se enfronta a comunidade sanitaria.

ACTIVIDADES

Dentro das actividades realizadas pola Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) do Concello de Monforte, poderá visitarse unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, composta por traballos realizados por usuarios de Centros de Día e Asociacións de toda a comarca de Lemos. A exposición permanecerá aberta dende o 1 ata o 16 de xuño.

Ademais, a UAD instalará unha mesa informativa no Centro de Saúde con motivo do Día Mundial sen Tabaco, para ofrecer aos cidadáns folletos e guías sobre o risco para a saúde e os beneficios económicos, ademais dos sanitarios, que poden conseguirse ao abandonar o consumo.

Para máis información os interesados poden dirixirse ós servizos de prevención da Unidade Asistencial de Drogodependendias do Concello de Monforte, situados na Praza da Estación, 17, no 982 400 495 e no correo electrónico uad@concellodemonforte.com