Skip to main content
Deportes SARRIAXA

Marea branca para buscar o ascenso da S.D. Sarriana en Arteixo

Por 20 Maio, 2022Maio 23rd, 2022Sin comentarios

A cita é ás 9.30 horas do domingo no Campo do Río. Alí estarán esperando os autobuses gratuitos financiados polo Concello de Sarria a todos os siareiros que queiran apoiar a S.D. Sarriana no seu intento de acadar o ascenso á Terceira RFEF. Dende alí sairá a “Marea branca” para empurrar ó equipo de Edu Rodríguez a unha victoria no campo do Arteixo que lle permitiría entrar na historia.

Porque, ademais de esperar que vaian con moitas gañas de animar ós seus, a directiva da S.D. Sarriana só pediu unha cousa aos seus siareiros. Que leven unha camisa ou camiseta branca. O obxectivo é anegar o Municipal de Arteixo con esa gran “Marea branca”.

Todos aqueles seguidores da Sarriana que desexen acompañar ó equipo nesta histórica cita poder poñerse en contacto cos teléfonos 636 972 333 ou 660 264798 para reservar a súa praza de balde nos autobuses sufragados polo Concello.

SEGUNDO CONTRA TERCEIRO

A Sarriana chega a esta penúltima xornada do Grupo Norte da Fase de Ascenso a Tercera RFEF na segunda praza da clasificación con 23 puntos, a dous do líder, o Paiosaco, e igualado co terceiro clasificado, precisamente o seu rival este domingo, o Arteixo. Por iso, un triunfo dos pupilos do monfortino Edu Rodríguez permitiría aos sarrianos facer historia e acadar ese anhelado ascenso.

Un empate deixaría todo no aire para a derradeira xornada, na que a S.D. recibe en A Ribela ao líder e o Arteixo visita ao penúltimo clasificado, o Galicia Mugardos.

Unha derrota este domingo na herba natural do Ponte dos Brozos, sempre que sexa por menos de dous goles, complicaría moito a situación para a Sarriana, que tería que gañar na última xornada e esperar a derrota do Arteixo. E se os de Edu Rodríguez caen por máis de dous goles despediríanse xa do sono do ascenso.