Skip to main content
Samos

O Escape Room do Camiño chega a Samos

O albergue Casa Forte de Lusío de Samos recibiu a visita da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para presentar o Escape Room Camiño de Santiago. Esta iniciativa, enmarcada na programación do Xacobeo 21-22, busca difundir os valores xacobeos arredor do Camiño de Santiago. Deste xeito, fomentarase o turismo familiar mediante un xogo de escapismo con diferentes probas para completar unha misión baseada nos coñecementos sobre a ruta xacobea e o Ano Santo.

Na súa visita a Samos, Nava Castro destacou o éxito desta iniciativa, con moitas solicitudes de participación, como unha “mostra da difusión cultural, deportiva, espiritual, de investigación ou incluso lúdica que se xera arredor do Camiño de Santiago”.

A Casa Forte de Lusío é un exemplo da arquitectura tradicional galega, construída no século XVIII e rehabilitada pola Xunta de Galicia para destinala a albergue de peregrinos. Ofrece para este xogo diferentes espazos con instalacións, decoración e ambientación  de máxima calidade

A directora de Turismo de Galicia tamén indicou que esta actividade pretende fomentar o traballo en equipo e o desenvolvemento de coñecementos no que se refire á ruta xacobea para todas as idades.

Este programa vense desenvolvendo durante as fins de semana, de venres a domingo, ao longo deste mes e rematará o 22 de maio. Antes de chegar a Samos o escape room pasou xa por Betanzos, Ourense e Vigo para promocionar o Camiño Inglés, a Vía da Prata e o Camiño Portugués da Costa respectivamente. Agora o escape room no albergue de Lusío en Samos contribuirá a promover os valores xacobeos e o Camiño Francés.

ENORME ÉXITO

Xa son 80 as  sesións comprometidas, cunha hora de duración cada unha. Debido ao éxito desta iniciativa, a Xunta estudia o posibilidade de ampliala.

Os interesados en participar teñen que facelo en grupos de máximo seis persoas maiores de 6 anos e contan en todo momento cun director de xogos e un monitor. Para inscribirse só terán que enviar un correo electrónico ao enderezo lucusescaperoom@gmail.com. As solicitudes de inscrición deben presentarse na dirección de correo electrónico inscripciónreservaslucusescaperoom@gmail.com.