Skip to main content

Por Pablo Veiga

O anterior número do Terrachá facíase eco cun titular onde sinalaba citas festivas importantes da ansiada volta á normalidade, pero de verdade, non disimulada, como aconteceu todo este tempo desde aquel fatídico mes de marzo de hai dous anos, onde a cada paso que se daba tras pensar que deixabamos o bicho este atrás, a realidade volvíanos de novo ata o punto de partida.

E si, efectivamente volveron as feiras, non as que se celebran mensualmente en diferentes localidades, que xa o estaban a facer, senón aquelas por chamalas dalgunha maneira, temáticas, nas cales se promociona un produto con zona. Neste caso, foi o queixo, sendo o de Friol –aquí tamén vai incluído o pan de Ousá-, o de San Simón da Costa e o do Arzúa os que tiveron celebración, con idéntico ou incluso máis éxito cás edicións pasadas.

Lóxica a reacción da xente. Parece que foi onte, pero non, foron dous anos, vinte e catro meses de agobio, con peches de negocios, restriccións, caras tapadas e unha modificación total dos nosos hábitos e costumes. Todo se resentiu, empezando pola economía e continuando polas relacións familiares e sociais. De aí que se estime moi acertada a portada do Terrachá de marzo, xa que o retorno das feiras que durante este tempo tiveron que ser adiadas supón volver a eses puntos de encontro, onde a xente interacciona unha coa outra, nos que compradores e vendedores xogan o seu papel, dinamizando aínda que sexa por un só día a vila onde se leva a cabo. Ringleiras de coches, bares e restarurantes ateigados e unhas ganas tolas de volver disfrutar de todo aquelo que nos gustaba e que xa parecía que tiñamos esquecido.

Os eventos sinalados foron o punto de partida, xa que outros viñeron de contado. Así temos exemplos como a Moexmu de Muimenta, a Feira Medieval de Monforte, a do viño en Quiroga ou o cocido de Lalín –en pleno mes de abril-. En todas elas, mesmo espírito e idéntico proceder: Xente e máis xente, ávida de arrancar as caretas e ver algo máis cós ollos dos nosos iguais e tamén de consumir e gastar. E iso, a pesares de todo o que sucede alén das nosas fronteiras, con catástrofes e guerras, ou os prezos desorbitados dos combustibles e o custe da vida, cada vez máis elevado. As ganas de troula semellan ter maior peso que as dificultades que estamos a vivir e a incertidume sobre o futuro máis inmediato. Hai que recuperar o tempo perdido.

Ogallá non haxa unha volta atrás e non teñamos que arrepentirnos, porque don Covid ten varias caras e aniquilado aínda non está.

Xa estamos na primavera e logo virá o verán con todo o que significa en canto a romerías, festas, xiras, festivais e demáis.  Que todo sexa para ben, sen esquecer  a aqueles que peor o pasaron, sobre todo os que xa non o contan. Volveron as citas co queixo, co gando e a música. E seguirán moitas máis. Pois si.