Skip to main content
As PontesAxenda TERRACHÁXADeportes TERRACHÁXA

As Pontes acolle o martes o Campionato Galego de contra reloxo individual

Por 13 Maio, 2022Sin comentarios

As Pontes acollerá o martes, 17 de maio, o Campionato Galego de Ciclismo, na modalidade de contra reloxo Individual, unha proba na que participarán 350 deportistas procedentes de 11 países e de diferentes puntos de España.

A proba, cun circuíto de 20 kilómetros, empezará ás dez da mañá no antigo campo de rugby, e terá a súa liña de meta no circuíto de karts, pasando polo Brixeo, a Casilla, A Vilabella e Saa para desde alí regresar ao centro urbano pasando polas rúas Rego do Campo, Rúa Santiago, Rúa 8 de Marzo, Rúa Monte Caxado, Rúa J.M Penabad López e Paseo da Constitución.

Durante a rolda de prensa de presentación, o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, agradeceu tanto á Federación Galega de Ciclismo como ao Club Ciclista As Pontes Vilalba o seu compromiso co municipio e co deporte “sempre dispostos a organizar eventos ciclistas de magnitude, dando a oportunidade á veciñanza da vila e da comarca, de gozar do deporte do máis alto nivel”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz, tras agradecer a aposta do Concello das Pontes polo ciclismo e a súa promoción, volvendo a ser sede do campionato galego de contra reloxo, “unha proba que ten récord de participación, entre as categorías cadete, junior, elite sub 23, grupos de idade e tamén ciclismo adaptado. Un evento que reunirá preto de 1.500 persoas, entre deportistas, acompañantes e familiares, que van a contibuir tamén á economía local”.

Marcos Fernández, presidente do Club Ciclista As Pontes Villalba explicou polo miúdo o desenvolvemento da proba, na que participarán os actuais campións de España e máis de medio centenar de mulleres. “Hai moi poucas probas deste tipo, trátase dunha modalidade moi peculiar para a que é preciso pechar un circuito e por este motivo, queremos pedir desculpas á veciñanza polos cortes de tráfico que se van a ter que levar a cabo durante unhas horas” engadiu.

Antonio Alonso, tenente de alcalde das Pontes apuntou que para o Concello “é un orgullo albergar este tipo de evento. Desde hai moitos anos procuramos promover e tratar de organizar eventos deportivos que poñan ao municipio no mapa e sexan punteiros. Grazas ás entidades locais deportivas podemos gozar deste tipo de eventos que teñen máis pros que contras, non só desde o punto deportivo senón tamén desde o punto do vista da promoción turística e económica. A nosa vontade é continuar na mesma liña e animamos a toda a veciñanza a participar e acompañar aos deportista no percorrido e a gozar dunha magnífica xornada de ciclismo”.