Skip to main content
Begonte

Supervisan a fin das obras no CEIP Virxe do Corpiño

Por 4 Maio, 2022Maio 5th, 2022Sin comentarios

Investiuse máis de medio millón de euros para renovar por completo varias estancias baixo criterios de eficiencia enerxética e accesibilidade adaptando os servizos educativos ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o Colexio CEIP Virxe do Corpiño, en Begonte, para comprobar o resultado da rehabilitación integral acometida neste centro. “Unha obra –destacou– que reforzará e mellorará os servizos do concello adaptándoo ás novas necesidades educativas”.

O titular de Educación do Goberno galego indicou que con estas actuacións os servizos educativos de Begonte poderán dar resposta aos tempos seguindo os criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego coa que está a deseñar un modelo de centros postpandemia. “Galicia convértese en pioneira, cun novo modelo de escolas, con espazos adaptados a calquera circunstancia e dando resposta ás novas necesidades tanto educativas, como sanitarias e tecnolóxicas”, expresou.

No caso do CEIP Virxe do Corpiño, boa parte do investimento de 535.072 euros, orientouse a medidas de eficiencia enerxética para conseguir un aforro do consumo e das emisións contaminantes á atmosfera. Así, substituíronse as carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica. Tamén as caixas de persiana existentes por un sistema con illamento incorporado. Tamén se mudou toda a iluminación interior do edificio, por outra nova a base de luminarias LED con sistema de regulación.

Novos espazos

A rehabilitación do colexio permitiu, ademais, crear novos espazos. En concreto,  habilitouse unha aula de Infantil con baño incorporado e pavimento de madeira similar ás outras xa existentes. Tamén se acondicionou o semisoto para destinalo a patio cuberto e acondicionouse a zona de dirección e sala de profesores, onde se creou un novo despacho para a secretaría do centro. Ademais, remodelouse o acceso ao ximnasio desde o exterior para que funcione de maneira independente da cociña e dispúxose un almacén novo nas proximidades da cociña.

A mellora da accesibilidade foi outro dos aspectos conseguiu a rehabilitación integral da Xunta. En concreto, instalouse unha nova escaleira e un ascensor para comunicar todas as plantas do edificio e  unha pasarela para acceso cuberto ao pavillón deportivo, entre outras actuacións.