Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

A Xunta e o Concello de Castro de Rei cotexan os procesos de reestruturación parcelaria

Por 15 Maio, 2022Maio 16th, 2022Sin comentarios

No caso de Viladonga, confirmóuselle ao rexedor que nas próximas semanas se contratará a redacción das bases, mentres no caso de Triabá se está traballando no proxecto da rede principal de camiños.

A Xunta e o Concello de Castro de Rei veñen de constatar avances nos procesos de reestruturación parcelaria abertos neste municipio lugués. Foi nun encontro que mantivo o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado pola directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, co alcalde da localidade, Francisco J. Balado.

Así, na reunión confirmóuselle ao rexedor que nas próximas semanas se contratará a elaboración das bases no caso do proceso de Viladonga, para identificar os propietarios  e parcelas implicadas. Decretada o ano pasado, cabe sinalar que esta parcelaria abrangue unha superficie de 632 hectáreas. 

Canto á reestruturación de Triabá tamén activa, o conselleiro en funcións apuntou que actualmente se está a traballar no proxecto da rede principal de camiños, para adecualo ao estudo hidrolóxico solicitado pola Confederación Hidrográfica Miño Sil. Neste caso, a concentración afecta a unha superficie de 1.163 hectáreas, distribuídas nun total de 3.144 parcelas de 555 propietarios.

No encontro, tamén se tratou a anticipación aos incendios forestais e a prioritaria colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Castro de Rei para protexer as persoas e bens deste municipio lucense fronte ao lume. Nesa liña, cabe lembrar que o consistorio está adherido desde o 2018 ao convenio de protección das aldeas subscrito entre a Xunta, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga e ao que xa están incorporados un total de 273 concellos galegos.