Skip to main content
Cospeito

O venres darán comezo as festas patronais na Feira do Monte

Por 2 Maio, 2022Maio 3rd, 2022Sin comentarios

A Feira do Monte recuperará este mes de maio as súas festas patronais tralo parón da pandemia. Así, a comisión organizadora convocou as celebracións para a fin de semana do 6 ao 8 de maio as Festas das Cruces na honra á Virxe do Monte.

O apartado musical volve a cobrar protagonismo. Polo tanto, estarán presentes as orquestras Olympus, na noite do vernes, Cinema e Alabama Show, o sábado en sesión vermú e verbena, e o trío Mar d’Arousa o domingo ao mediodía.

O domingo tamén haberá pasarrúas a cargo do grupo de gaitas local Asubíos da Chaira e a misa maior estará cantada polo Coro Municipal Virxe do Monte. Esta será ás 13.30 horas. Tamén haberá oficio relixioso o sábado ás 13.30 horas.

A comisión lembra que o campo estará cuberto cunha carpa para protexer das inclemencias do tempo.

Estas celebración completa unha primavera con moita actividade no concello de Cospeito, trala celebración da Moexmu, a Feira da Maquinaria Usada e a Festa da Filloa, entre outras citas de relevancia que se recuperan este ano.