Skip to main content
Cospeito

Reforzan o servizo de transporte do centro de día de Cospeito

Por 28 Maio, 2022Sin comentarios

A Xunta de Galicia porá a disposición dos maiores usuarios do centro de día de Cospeito un segundo vehículo para reforzar o servizo de transporte. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou este equipamento pertencente á rede pública autonómica, acompañado do alcalde deste municipio lucense, Armando Castosa.

Perfecto Rodríguez salientou que con este segundo vehículo se atenderá mellor ás necesidades dos maiores que acoden ás instalacións, xa que dotarase ao servizo dunha maior flexibilidade para os desprazamento ás instalacións e o regreso aos seus domicilios. Así mesmo, explicou que este segundo vehículo dará resposta ao incremento de usuarios que experimentou o centro, ata acadar na actualidade as 34 persoas e das cales 27 empregan o servizo de transporte.

Ademais, o xerente do Consorcio aproveitou para comprobar o resultado das obras levadas a cabo na infraestrutura, valoradas en preto de 32.000 euros e financiadas polo Consorcio a través das compensacións das liquidacións que ten que abonar o Concello por este servizo público. Os traballos, que foron executados polo Concello, consistiron na mellora das condicións de illamento e impermeabilidade do inmoble, para optimizar o consumo enerxético e aumentar o benestar dos usuarios. Tamén se substituíu a iluminación de varias dependencias do centro, entre outras a da sala de estar e a do comedor da planta baixa; e colocouse tarima e rodapés novos na primeira planta.

Actividade interxeracional

A visita de Perfecto Rodríguez coincidiu coa celebración dunha actividade interxeracional para festexar o undécimo aniversario do centro de día. A Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) organizou unha sesión coa participación dos maiores do centro e alumnado do primeiro ciclo de Primaria do Centro Público Integrado  (CPI) Virxe do Monte de Cospeito.