Skip to main content
Cospeito

“Esta asociación nace co obxectivo de recuperar xogos tradicionais, tanto da nosa zona como doutras”

Por 29 Maio, 2022Maio 30th, 2022Sin comentarios

Volve o 5 de xuño a Festa dos Xogos Tradicionais de Muimenta, a única en Galicia adicada aos xogos tradicionais que organiza Xotramu. A sesión comezará a partir das 16.00 horas, no campo da Igrexa Vella de Muimenta. Falamos con Xosé Lombardero, coordinador deste colectivo.

Coas medidas máis relaxadas a Festa XIV Festa dos Xogos Tradicionais recupera moitas das actividades pre pandemia. Volverán os xogos tradicionais e populares, que é o eixe da celebración pero o programa contará tamén con música a cargo de Sons da Aldea. Ademais, haberá cetrería e unha exhibición con aves rapaces e unha representación teatral con pezas autómatas de Trécola.

Completarase a sesión coa celebración dun aberto de billarda.

Esta celebración xa tivo lugar o ano pasado pero restrinxida polas limitacións sanitarias e este ano amplíase de novo para ofrecer distintas opcións. Ademais, non se descartan máis sorpresas para a data.

Xosé Lombardero explica os inicios da asociación.

Cando naceu a asociación e que percorrido tivo nestes anos?

A asociación naceu no ano 2009, entre un grupo de veciños de Muimenta que queríamos recuperar os xogos dos nosos antepasados e dalos a coñecer ás novas xeracións. A este pequeno grupo fóronse unindo unha ducia de persoas que colaboran, ano tras ano, tanto na festa dos xogos que facemos no mes de xuño como noutras actividades. Hoxe en día forman parte de Xotramu catro persoas da xunta directiva e outras oito colaboradoras.

Cal é o obxectivo da mesma? 

Esta asociación nace co obxectivo de recuperar xogos tradicionais, tanto da nosa zona como doutras, para logo mostralos ás novas xeracións ben sexa nos colexios aos que vamos ou nas distintas festas/romarías…ás que asistimos.

Que actividades realizan durante o ano?

Visitamos os centros escolares ou institutos para mostrar os xogos, colaboramos con anpas para o mesmo, acudimos a festas, feiras e romarías, organizamos excursións e outras actividades, facemos anualmente a festa dos xogos tradicionais, tamén recibimos visitas tanto no Museo Pedagóxico da Vella Escola de Muimenta como no Museo das Zocas. Ambos museos atópanse no campo da igrexa vella de Muimenta onde podemos atopar diferentes árbores senlleiras incluidas no Catálogo galego das mesmas.

Este local é un referente xa en Muimenta.

Xotramu firmou, fai xa uns cantos anos, unha cesión da igrexa vella co bispado para rehabilitala e facer uso dela con fins culturais. A raíz disto tamén foi cando se abriu o museo pedagóxico recreando a vella escola e, posteriormente, o museo das zocas.

Supoño que un dos eixes principais é a festa de primeiros de xuño en Muimenta… como xurde e que progresión tivo?

Efectivamente, é un eixe principal que non pode faltar. Ano tras ano, dende 2009, celebramos a festa dos xogos tradicionais na primeira fin de semana de xuño. Nos primeiros anos tiña como escenario o recinto feiral Manuel Vila e, nos últimos anos, celebrouse no campo da igrexa vella. Nesta cita nunca faltan os xogos tradicionais, o aberto de billarda, música tradicional e moitas outras actividades relacionadas. Este ano, por exemplo, como se ve no cartel teremos unha mostra do voo de aves rapaces, títeres, etc.

Notaron un crecemento na afiliación?

Non existe un proceso de afiliación, somos un grupo de persoas que colaboramos nas distintas actividades e que a veces se renova, cambiando uns por outros.

“A asociación naceu no ano 2009, entre un grupo de veciños de Muimenta que queríamos recuperar os xogos dos nosos antepasados e dalos a coñecer ás novas xeracións”

De cara ao futuro que proxectos teñen?

Ademais de continuar coas actividades mencionadas, tamén estamos abertos a distintas propostas doutras entidades: ben sexa teatro, concertos, presentación de libros… ou mesmo proxección dunha película como cando puxemos na sala de exposicións da igrexa vella O que arde e posteriormente fixemos un coloquio con Oliver Laxe. Temos programada unha excursión para finais de ano e tamén a proxección dunha obra de teatro feita polos veciños fai moitos anos.

Que supuxo e supón a covid para o colectivo?

Para a nosa asociación supuxo a perda de actividades de xeito presencial. De feito no ano 2020 celebramos a festa dos xogos virtualmente, a través das redes sociais. No ano 2021, que se fixo presencial, houbo que ter en conta o tema de aforo ademais das medidas sanitarias.

Contan con axuda para manter o club activo?

Contamos con subvencións destinadas a asociacións como Xotramu para actividades culturais, para creación e mellora dos museos.

Que necesidades se lles plantexan?

Necesidades a nivel económico para seguir mellorando e poñendo en valor o noso patrimonio lúdico.

Están tamén integrados nun colectivo de ámbito maior. Que aporta esa unión?

Colaboramos con outras entidades, relacionadas co xogo tradicional, como é Patrimonio Lúdico Galego que se formou co obxectivo de recuperar os xogos tradicionais en Galicia. Responsables das diferentes asociacións galegas deseñaron un proxecto que propoñer á Xunta de Galicia para que se promocionen os xogos tradicionais nos distintos camiños da Ruta Xacobea durante este ano 2022.