Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

San Paio de Narla incorpora a perspectiva de xénero co proxecto Soterradas

Por 15 Maio, 2022Sin comentarios

O Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, afonda na incorporación da perspectiva de xénero e social ao seu relato museolóxico e museografía coa inauguración esta tarde do proxecto de conservación, investigación e expositivo “Soterradas. A vida tralos mantelos, da fortaleza ao Pazo”.

Distintos espazos e estancias do museo incorporan paneis informativos e fotográficos creando unha narrativa para visibilizar as desigualdades, de xénero e tamén de estamento ou clase, que sufriron as mulleres da servidume que habitaron pazos, fortalezas e outros edificios de poder ao longo da historia e, por extensión, as mulleres que ocupaban os escalofóns máis baixos na xerarquía social.

Así,o percorrido polo museo incorporan paneis con fotografía do arquivo de Walter Ebeling -o historiador alemán que retratou a vida no rural galego entre 1928 e 1933-; documentos que acreditan a subordinación das mulleres da servidume en todos os ámbitos, incluída unha sentenza sobre unha agresión sexual reinterpretada pola artista Luz Darriba; ou outros elementos como unha pezoeira, empregada polas mulleres que tiñan que amamantar as crianzas doutras.

A xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago explicou “con este proxecto poñemos o foco no poder dos museos como ferramenta de transformación social se se traballa o territorio, o patrimonio e coa comunidade, dende a raíz poñendo as persoas no centro”.

Esta renovación, que se reflectirá tamén nos recursos e actividades multicanle da Rede Museística Provincial, enlaza e dá continuidade ás iniciativas que se veñen desenvolvendo desde os museos provinciais a partir de relatos femininos – como Mariñas, marosas e maruxainas ou Recolectoras.Memoria e terra- e tamén co Día Internacional dos Museos, que se celebra o 18 de maio, este ano baixo o lema O poder dos museos.