Skip to main content
Guitiriz

Convocada unha folga no grupo Ingemar de Guitiriz

Por 11 Maio, 2022Maio 12th, 2022Sin comentarios

Os sindicatos UGT e CIG convocaron unha folga parcial de catro horas (de 12h a 16h) para o vindeiro venres 13 de maio, na empresa Grupo Ingemar, situada en Guitiriz despois do despedimento de cinco traballadores por parte da empresa “sen comunicación previa ao comité de empresa”.

Segundo indican os responsables sindicais o pasado día 3 mantiveron unha reunión do comité de empresa coa dirección de Grupo Ingemar tratando temas ordinarios coma as vacacións, a necesidade de maior polivalencia dos traballadores das diferentes seccións solicitada pola empresa e a posibilidade de que catro traballadores de fábrica, de xeito voluntario acudiran a reforzar o traballo nas canteiras de xeito temporal diante da carga de traballo existente e a dificultade de atopar operarios.

“Aos poucos minutos de rematar a reunión, atopámonos coa sorpresa de que a empresa comeza a comunicar o despedimento por causas técnicas a catro compañeiros da sección de serras e a una compañeira da oficina. En ningún momento se nos comentou tal posibilidade na reunión”, engaden.

“É unha deslealdade e unha falta de respecto ao comité e a toda a plantilla de Grupo Ingemar que xá está moi axustada. Son necesarios todos e todas, de feito, levamos anos pedindo contratacións, especialmente nas canteiras para paliar a falta de persoal que, unida aos problemas de subministro de materiais e a una mala organización dos traballos por parte da dirección, lastran a produción e nos levan a situacións surrealistas coma a parada das serras por falta da granalla que se emprega no proceso de serrado, ralentizando pedidos e toda a actividade”, explican.

Afirman que precisamente o que necesita Grupo Ingemar son traballadores cualificados para as canteiras e unha direción de fábrica que organice e coordine os traballos das diferentes seccións para que funcione a cadea de produción.

“Dende a UGT e a CIG entendemos que estes despedimentos son unha chantaxe ao comité e á totalidade da plantilla de Grupo Ingemar diante da negativa destes a asumir todas as demandas da empresa, que pasan por unha flexibilidade practicamente total no tema das vacacións, a pesar de que se asinou o calendario laboral fai un par de meses ou a renuncia de dereitos laborais cando a empresa o estime oportuno. Levamos pasadas moitas nesta empresa nos últimos anos para seguir aturando estas situacións. Amosamos unha total disposición a negociar, a que faga falta, mais xá advertimos que imposicións non imos consentir máis”, conclúen.

Polo tanto os sindicatos UGT e CIG chaman á plantilla da fábrica e das canteiras de Grupo Ingemar a paralizar a actividade o vindeiro venres día 13 de maio entre as 12:00 da mañá e as 16:0 horas da tarde para reivindicar, en primeiro lugar, a readmisión da compañeira e dos catro compañeiros despedidos, mais tamén o reforzo da plantilla e a acometida de inversións, especialmente en prevención de riscos e saúde laboral.