Skip to main content
Guitiriz

Os traballadores de Ingemar secundaron a folga

Por 14 Maio, 2022Sin comentarios

Os traballadores e as traballadoras de Grupo Ingemar secundaron de xeito masivo a folga parcial convocada para este venres en rexeitamento ao despedimento de catro compañeiros da sección de serras e unha compañeira de oficina; demandar un reforzo do cadro de persoal e que se fagan os investimentos necesarios, especialmente en materia de prevención de riscos e saúde laboral.

A xornada de folga desenvolveuse de 12 a 16 horas, collendo dúas horas da quenda da mañá e dúas horas da quenda de tarde, e durante este tempo mantívose paralizada a actividade tanto da fábrica que a empresa ten Guitiriz como das canteiras, xa que de 100 traballadores/as só entraron tres persoas. O secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira da CIG de Lugo-A Mariña, Alfonso Losada, valora moi positivamente a resposta dada polo persoal á convocatoria e pídelle a empresa que tome boa nota das demandas sociais.

Losada rexeita os cinco despedimentos que se produciron xusto despois dunha xuntanza entre o comité e a dirección do grupo para abordar diferentes cuestións laborais como a flexibilización das vacacións ((a pesar de que se asinou o calendario laboral hai un par de meses) ou a mobilidade funcional que pretende a empresa, mais en ningún momento se formulou a posibilidade de reducir persoal.

De feito, apunta, o cadro de traballadores e traballadoras no Grupo Ingemar xa está moi axustado e os sindicatos levan tempo reclamando un incremento das contratacións, especialmente nas canteiras, para poder facer fronte á carga de traballo.

Estas rescisións, engade o secretario comarcal da FCM-CIG, “non foron unha arroutada da empresa, senón unha decisión meditada, pois non pasaran nin cinco minutos do remate da xuntanza cando a empresa entregou a carta de despedimento ao primeiro traballador”. Neste senso, apunta que incluso na xuntanza a dirección pretendía que lle asinaran o traslado de catro persoas de fábrica ás canteiras pola carga de traballo que teñen, “e minutos despois despide a cinco persoas, sen sequera ofrecerlle este cambio de posto”.

Os despedimentos xa foron denunciados e, ante a falta de contacto por parte da empresa, non se descarta continuar coas mobilizacións.

Mala organización dos traballos

Ademais de demandar a readmisión dos compañeiros e da compañeira despedida, con esta folga tamén se queren denunciar os problemas de subministro de materiais e a mala organización dos traballos por parte da dirección, “que lastran a produción e nos levan a situacións surrealistas coma a parada das serras por falta da granalla que se emprega no proceso de serrado, atrasando pedidos e toda a actividade”.

Por iso, a representación social incide en que “o que necesita Grupo Ingemar son traballadores/as cualificados/as para as canteiras e unha dirección de fábrica que organice e coordine os traballos das diferentes seccións para que funcione a cadea de produción”.