Skip to main content
Guitiriz

Formoso reclama en Guitiriz un impulso para o interior de Galicia

Por 29 Maio, 2022Sin comentarios

O líder dos socialistas galegos participa na V Festa da Torta de Millo de Guitiriz, que se recuperou este ano tras dous anos de carencia por mor da covid cun gran éxito de participación.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, visitou onte Guitiriz –Lugo-, dende onde lle reclamou á Xunta que “se poña a traballar para impulsar o desenvolvemento equilibrado do interior de Galicia”, garantindo unha calidade de vida en igualdade de condicións. Así o dixo na súa visita á V Festa da Torta de Millo de Guitiriz, xunto coa alcaldesa da localidade, Marisol Morandeira, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

O responsable socialista achegouse ata a localidade chairega para apoiar esta cita gastronómica e cultural que o concello recuperou logo de dous anos de parada obrigada polos efectos da pandemia.

Formoso salientou o esforzo do Concello e da Deputación de Lugo para impulsar este certame, dirixido a fomentar un turismo sostible e de calidade, que impulsa os produtos de proximidade e que pon en valor o patrimonio propio.

Reivindicou un desenvolvemento equilibrado do territorio e fixo un chamamento ao goberno autonómico para “poñerse a traballar e impulsar o interior de Galicia” a través do impulso das infraestruturas e dos servizos públicos en condicións de igualdade para a cidadanía do rural.