Skip to main content
Axenda Caducada

A Romaxe Artesá da Chaira recupera un completo programa

Por 3 Maio, 2022Maio 28th, 2022Sin comentarios

O Concello de Muras ten previsto celebrar o sábado, día 28 de maio, a sexta edición da Romaxe Artesá da Chaira, unha festa na que se busca a reivindicación dos oficios tradicionais e sobre todo a dinamización do medio rural como lugar de creación de vida.

A romaxe arrancará ás 11.00 horas coas demostracións de artesanos como prato forte da xornada, demostracións que se farán pola mañá, principalmente. Ademais, como en edicións anteriores, haberá talleres para nenos e tamén para adultos.

Non faltará na cita o apartado musical, que estará ao cargo de Xisco Feijóo pola noite pero tamén haberá sesión vermú, a cargo da Charanga Mecánica. Pola tarde os nenos estarán de noraboa coa actuación de Uxía Lambona e xa para todas as idades destaca a actuación de Buxos Verdes.

Pero non só haberá música, tamén está prevista a actuación dos títeres Monifates, dirixido a público infantil e haberá xogos tradicionais durante toda a xornada, un regreso moi esperado tras dous anos sen actividade. Para que os visitantes se animen a pasar o día, tamén haberá polbo e varias food trucks con diversas variedades de comidas.

O Concello decidiu optar por esta celebración unha vez que a situación do virus está controlada e tralo éxito acadado o ano pasado, cando si se celebrou esta cita aínda que non máis restricións debido ás limitacións sanitarias.

O Concello aínda está rematando a programación, que seguro que contará con algunha sorpresa máis unha vez que se definan os horarios nos que se realizarán estas actuacións.

Esta singular celebración naceu no ano 2016 pola colaboración entre a Asociación de Artesáns da Terra Chá e o Concello de Muras co obxectivo de “axudar a manter vivos os nosos oficios achegándoos a quen valora o feito a man e o legado de séculos que atesoura”.

Se a primeira edición foi un éxito, non faltou este nas seguintes edicións nas que pequenos e grandes atopan un oco para desfrutar da xornada con múltiples actividades.

“É un escaparate aberto para aprender a valorar a beleza dos oficios, con demostracións en vivo dos artesáns chairegos de cómo se traballan tecidos e granito, madeiras, metais, barro e vimbios. Obradoiros sobre cociña e artesanía e charlas sobre emprendemento sostible chaman a atención de moitos e moitas para ouvir de primeira man experiencias que funcionan”, din no Concello.