Skip to main content
Muras

Queixas en Muras por non incluír un acceso ao futuro polígono industrial na mellora da estrada LU-540

Por 14 Maio, 2022Maio 15th, 2022Sin comentarios

O goberno local lamenta unha vez máis, o nulo interese da Xunta polo parque industrial ao descartar da reforma da estrada a conexión con este, ademais de non incorporar o paso subterráneo á altura da Gañidoira, onde se celebra a Feira do Poldro e un paso elevado no lugar de Furco, actuacións moi necesarias no municipio.

A Consellería de Infraestruturas e mobilidade vén de iniciar o trámite de información pública do proxecto de mellora da capacidade e seguridade da estrada LU-540 (Viveiro -Cabreiros) por un prazo de 30 días, documentación que se pode descargar na páxina web e tamén consultar no concello de Muras, coa lista de propietarios afectados.

O goberno local de Muras quedou totalmente sorprendido ao comprobar como non se incorporaron as demandas municipais, que non eran outras que a conexión co polígono Industrial e o paso subterráneo nos Montes da Gañidoira, “propostas trasladadas previa á redacción do proxecto polo Concello de Muras, e que non se viron cumpridas”, segundo explica o alcalde da localidade, Manuel Requeijo.

“Unha nova marxinación que demostra o escaso interese que a Xunta de Galicia ten co noso concello, e en concreto co futuro económico da zona, no que non parece ter moita fe despois de desmantelar a pouca industria que existe”, subliña.

Tamén lamentan que non incorporen o paso subterráneo na Gañidoira, “unha obra moi necesaria para mellorar a seguridade do tráfico tanto na celebración da Feira do Poldro, para evitar que os peóns e os animais teñan que cruzar a estrada coma para os gandeiros e gandeiras con parcelas a ambas marxes no Alto da Gañidoira e así facilitarlles o seu traballo, o mesmo acontece có paso en altura no lugar de Furco. Unhas demanda que xa foran postas en coñecemento da Xunta de Galicia, antes de iniciar a redacción do proxecto, e que desbotaron sen dar alternativas a este problema”.

O equipo de goberno manifestou que na Delegación da Xunta “sabían de sobra as cuestións a resolver na mellora da estrada, pero unha vez máis, informarémoslle e alegaremos que o trazado proposto non é o máis axeitado para os nosos intereses, esperando que resolvan estas cuestións canto antes”.