Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O BNG de Outeiro reclama que se cumpra a Lei de Transparencia no Concello

Por 12 Maio, 2022Sin comentarios

O BNG de Outeiro presentara para o pleno municipal celebrado o pasado venres unha moción para que o concello cumprira o que estipula a Lei de Transparencia e Bo Goberno,”e que neste momento non se está a cumprir”, e que tamén se incorporara aos portais de transparencia da Xunta e da Deputación, que son de balde e onde non está presente o concello de Outeiro.

Dende o BNG puxeron exemplos concretos destes incumprimentos, sobre os que destaca “a falta total de información sobre os contratos públicos, pois neste momento só figuran cinco e todos con máis de dous anos de antigüidade. Ademais disto, o escurantismo é total en canto aos movementos económicos do equipo de goberno, pois tampouco se publican as dietas que cobran os concelleiros e concelleiras (última relación do 2016) ou a propia declaración de bens do alcalde, onde a última existente é do 2011. A lei esixe que estes aspectos se publiquen anualmente”.

Afirman que en canto aso aspectos normativos acontece o mesmo, pois os decretos que se presentan están obsoletos ou mesmamente derrogados.

“Por se todo isto fora pouco, o propio portal está en inglés, cuestión que tamén contradí a normativa que obriga explicitamente que toda a información ten que ser facilmente accesible por toda a cidadanía.

Como remarcan o alcalde votou en contra de debater a proposta, “pois como vén sendo habitual, quere que o escurantismo e a falta de transparencia siga a ser a característica principal da súa xestión. Intentou acalar ao BNG non incluíndo a proposta na orde do día”.

Como explican os nacionalistas, o alcalde non incluíra na orde do día a proposta de acatar e cumprir a Lei de Transparencia, “a pesares de que os outros dous únicos puntos da orde do día eran dúas propostas feitas nos despachos centrais dos partidos que nada ou pouco tiñan que ver co concello de Outeiro: Medidas económicas pola guerra de Ucraína (PSOE) e solicitar máis cartos ao goberno do Estado do Next Generation (PP). A única proposta que realmente era competencia do Pleno non se ía a tratar”.

Esta circunstancia obrigou ao BNG a defender a súa proposta e denunciar “o intento de amordazamento nas quendas de palabra desas mocións, ademais de volver a presentala por vía de urxencia, cuestión que obrigou ao alcalde a ter que votar, facéndoo en contra como se explicou anteriormente”.

“Xa non é a primeira vez que o alcalde intenta que non se oia a opinión do BNG, quitando da orde do día as nosas propostas. Dende logo, seguiremos usando todos os medios ano noso alcance para evitar ese propósito de Pardo pois, entre outros motivos, se nos calan a nós están a acalar a máis de 700 persoas que nos votaron para que estiveramos aí defendendo o noso modelo de concello”, rematou dicindo Xosé Ferreiro