Skip to main content
Pol LUGOXAPol TERRACHÁXA

A Deputación rebate as acusacións do PP sobre a xestión económica do Concello de Pol

Por 20 Maio, 2022Sin comentarios

A Deputación emitiu un comunicado para contestar as manifestacións realizadas polo grupo provincial do Partido Popular sobre o Convenio Interadministrativo de Cooperación entre a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Pol para cooperar, a través dun anticipo, na execución do proxecto subvencionado polo IDAE: Instalación do alumeado público de Pol.

“O Partido Popular debe explicar a que se refire cando fala de situación caótica da economía do Concello de Pol. A día de hoxe, as contas deste Concello están en orde, avaladas polos informes técnicos pertinentes, e a entidade local funciona e xestiona con total normalidade, sempre para sacar adiante medidas e proxectos beneficiosos para os seus veciños e veciñas”, explican dende a Deputación.

Afirman que o PP minte e manipula cando asegura que a Deputación lle concedeu ó Concello de Pol “un crédito, disfrazado de subvención”. “Este organismo provincial nin dá créditos, nin disfraza ningún aspecto da súa xestión, senón que leva a cabo en todo momento unha xestión transparente e avalada por todos os informes técnicos necesarios. O que fixo a Xunta de Goberno o pasado 29 de abril foi aprobar un Convenio Interadministrativo de Cooperación entre a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Pol para cooperar, a través dun anticipo, na execución do proxecto subvencionado polo IDAE: Instalación do alumeado público de Pol”, explican.

Asegura o organismo provincial que “non se trata de ningunha subvención, senón dun anticipo con cargo a unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que vai recibir o Concello para mellorar o alumeado público dos veciños e veciñas de Pol. Se o PP fixera ben o seu traballo e non quixera manipular, lembraría que esta non é a primeira vez que a Deputación de Lugo adopta unha medida deste tipo, senón que a primeira vez que a institución aprobou un adianto foi para un Concello gobernado polo Partido Popular, como é o Concello de Mondoñedo. O PP debería aclarar se a situación do Concello de Mondoñedo lle parece caótica e se a xestión que alí se fai carece de rigor”, engade.

Indican que o acordo da Xunta de Goberno da Deputación para facer un anticipo ao Concello de Pol conta, como todas e cada unha das actuacións da institución, con total legalidade e cos informes técnicos correspondentes, neste caso de Secretaría Xeral e de Intervención.

“O voceiro provincial do Partido Popular di que dubida da legalidade do acordo. Entendemos que arredor da legalidade non caben dúbidas, só feitos. Polo tanto, en vez de enredar, tratar de enganar e, unha vez máis, cuestionar o traballo e rigor que realizan os servizos técnicos da institución provincial, o que debería facer o señor Castiñeira é consultar os expedientes, e comprobará que este é un procedemento axeitado á legalidade e que se fixo en máis ocasións. En todo caso, se ten algunha dúbida, a súa obriga legal é acudir á Xustiza. Se non o fai, esiximos que deixe de dicir mentiras e falsidades que prexudican a imaxe da institución e dos concellos da provincia de Lugo, tamén dos que goberna o seu partido”, subliña.