Skip to main content
As Pontes

Realizan a limpeza e conservación dos ríos Chamoselo e Eume nas Pontes

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de preto de 5 km. As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle e enmárcase no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-norte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Chamoselo e Eume, no concello das Pontes de García Rodríguez.

Estes traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de preto de 5 km.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos, e na roza selectiva para acceder ao leito. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións do departamento que preside Ethel Vázquez contribuirán á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.