Skip to main content
As Pontes

As Pontes aproba un orzamento de 15,5 millóns de euros para este ano

Por 12 Maio, 2022Sin comentarios

O pleno do Concello das Pontes aprobou onte, durante unha sesión extraordinaria urxente, cos votos a favor do PSOE, a abstención de Xuntas por As Pontes En Común e o voto en contra do PP, orzamento xeral para o ano 2022 así como as bases de execución do propio orzamento, o estado de previsión de movementos e a situación de débeda, o anexo de persoal e o anexo de investimentos a realizar polo concello durante o presente exercicio.

O orzamento municipal, que ascende a 15.500.906 euros está deseñado por e para a veciñanza e permitirá poñer en macha diferentes accións que buscan mellorar a calidade de vida das pontesas e ponteses, mantendo saneada a economía municipal, ao tempo que cumpre coas normas de estabilidade orzamentaria, períodos medios de pagamento e a normativa económica vixente

Así, o tenente alcalde, Antonio Alonso, incidiu en que se trata dun orzamento deseñado respectando o equilibrio entre ingresos e gastos, e que “ten como obxectivo prioritario garantir o benestar social e o acceso a servizos, de calidade, de toda a veciñanza a través de diversas accións promovidas desde as diferentes concellerías”
O orzamento municipal organízase en capítulos de gastos, correspondendo o capítulo I ao gastos de persoal ao que o Concello das Pontes destinará para o ano 2022 un total de 5,2 millóns de euros (33% do orzamento).

Por outra banda, o capítulo II, correspondente aos gastos correntes e servizos imprescindibles para o funcionamento diario do municipio e no que se inclúen gastos en materia seguridade, mobilidade cidadá, urbanismo ou servizos como a recollida de residuos sólidos urbanos o actuacións en materia de protección social (servizo de axuda no fogar, o programa de emerxencia social, as axudas para os estudos ou os programas de atención temperá, etc) representa o 50,1% do orzamento cunha partida de 7.808.593 euros.

O capítulo III de gastos financeiros, correspondentes a xuros e comisión financeiras ascende a 25.000 euros mentres que o capítulo IV de transferencias correntes, relativo aos créditos necesarios para facer fronte a subvencións para a realización de actividades de interese educativo, cultural e /ou deportivo, para as asociacións veciñais así como as relativas a emerxencia social, ensino e achegas do Concello das Pontes a outras entidades como son a FEMP, a FEGAMP ou a FAEPAC ou EuroEume, o Concello das Pontes consigna no orzamento de 2022 un total de 1.449.666 euros.

O capítulo VI, de investimentos, ten consignada unha partida de preto de 1 millóns de euros para executar obras como a rehabilitación da área de xogos do parque do Campo da Feria, mellorar os pavimentos e servizos da rúa Roseira, adquirir un edificio para a seda da Entidade Pública de Conservación e a creación dun centro loxístico, entre outras.

Áreas de gasto

O orzamento aprobado pola corporación municipal divídese en cinco grandes áreas de gasto, que establece os obxectivos e finalidades que persegue o grupo de goberno para o ano 2022.

Así, 3,6 millóns de euros irán destinados aos servizos públicos básicos, de obrigada prestación por parte do Concello e dentro dos que se engloban servizos como a seguridade e a mobilidade cidadá, a luz, o servizo de abastecemento e saneamento, o servizo de recollida de lixo e tratamento de residuos sólidos urbanos ou o mantemento de parques, zonas verdes e o lago, entre outros.

As actuacións en materia de protección social e promoción social, dentro das que se inclúen as pensións do persoal do Concello, a atención a grupos con necesidades especiais así como medidas de fomento do emprego, terán un orzamento 2,5 millóns de euros.

Todos aqueles gastos que realiza en Concello das Pontes en materia de sanidade, educación, cultura, deporte, lecer e tempo libre, e en xeral todas aquelas actividades e actuacións destinadas a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas englóbanse dentro da área de gasto de produción de bens públicos de carácter preferente e ten unha dotación orzamentaria que rolda os 3,9 millóns de euros.

Por outra banda, todas aquelas actuacións económicas, dirixidas a potenciar os distintos sectores de actividade así como os gastos en infraestruturas básicas e de transporte, infraestruturas agrarias, comunicacións, investigación ou desenvolvemento e innovación terán unha consignación no orzamento que rolda os 1,3 millóns de euros.

Finalmente, a todas as actuacións de carácter xeral que afectan ao funcionamento diario do Concello irán destinados 4 millóns de euros.

Ingresos

O orzamento para o ano 2022 prevé uns ingresos, en base á evolución dos ingresos recabados nos últimos anos e baixo o criterio de prudencia, e 15,560.906 euros procedentes de impostos directos (IBI, BICES ou IVTM) e indirectos (ICIO), a cobranza de taxas e outros impostos (servizos deportivos, servizos educativos, servizos culturais, licenzas urbanísticas, etc), as transferencias correntes realizadas por outras administracións así como os ingresos patrimoniais (arrendamentos leiras urbanas, concesións administrativas, etc.).