Skip to main content
As Pontes

O Concello das Pontes continúa coa catalogación do arquivo municipal

Por 17 Maio, 2022Maio 18th, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes ten previsto licitar, nas próximas semanas, unha nova fase de catalogación do arquivo municipal co obxectivo de preservar e mellorar a accesibilidade do patrimonio documental do consistorio.

Lorena Tenreiro, responsable de Organización Interna, subliña a importancia destes traballos que contan cunha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xa que permitirán continuar avanzando na “protección, ordenación e conservación do patrimonio histórico documental do Concello das Pontes así como na posta en valor do arquivo municipal para, deste xeito, facelo máis accesible non só ao propio persoal senón tamén ao conxunto da cidadanía, deixando de ser un simple depósito para converterse en contido ao dispor da sociedade”.

Estes traballos permitirán levar a cabo a revisión de 1.800 unidades documentais, de carácter administrativo (actas plenarias, planos, datos catastrais, etc), datadas entre 1.980 e o ano 2.000.

Procederase á clasificación, ordenación e identificación dos fondos delimitando as series documentais e á instalación de documentación en carpetas, ao seu selado e codificación para a continuación proceder á descrición e informatización das unidades documentais de acordo coas normas de descrición arquivística e a súa introdución no programa informático de xestión ARQA, adoptado como estándar por la administración autonómica.

O contrato para executar estes traballos terá unha duración de seis meses e o orzamento de licitación é de 15.824,03 €