Skip to main content
As Pontes

O Consello da Xunta aproba a achega para o centro loxístico das Pontes

Por 20 Maio, 2022Maio 21st, 2022Sin comentarios

As instalacións localizaranse no parque empresarial Penapurreira e constarán de dúas naves e unha zona de oficinas cunha superficie de 2000 metros cadrados, así como báscula de pesaxe e áreas de carga e descarga de camións.

O Consello da Xunta deu luz verde, na súa reunión de onte, á firma dun convenio de colaboración ente o Goberno galego e o Concello das Pontes para impulsar a construción dun centro loxístico neste municipio que contribúa ao crecemento económico desta comarca da provincia coruñesa.

O proxecto, impulsado desde a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, contará cun investimento total de preto dun millón de euros, dos que a Administración autonómica achegará o 25%, ao redor de 250.000 euros. A infraestrutura localizarase nunha paracela de 9000 metros cadrados do parque empresarial Penapurreira e constará de dúas naves -unha para uso loxístico e outra para almacenaxe a granel, así como unha zona de oficinas cunha superfície construída de 2000 metros cadrados. As instalacións completaranse cunha báscula de pesaxe de camións e áreas de manobra, carga e descarga.

Deste xeito, preténdese paliar os impactos negativos que neste Concello ten o peche da central térmica aproveitando a oferta que na zona hai de empresas e autónomos con vehículos de mercadorías por estrada que nos últimos tempos viron reducida a súa actividade. O centro loxístico será ademais unha oportunidade para o mantemento e creación de emprego, así como para a revitalización a nivel económico da comarca.

O convenio enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa recuperación da actividade industrial en Ferrolterra, dentro do espírito do Pacto de Estado por Ferrol, Eume e Ortegal.  Unha folla de ruta presentada hai un ano que é froito do consenso entre todos os axentes en Galicia (administracións e entidades empresariais e sociais) pero na que falta por parte do Goberno central un compromiso claro.

A proposta do Pacto de Estado recolle un cento de medidas para a recuperación empresarial e laboral; o reforzo das empresas tractoras da comarca; a modernización e mellora competitiva dos sectores estratéxicos; a diversificación; o desenvolvemento das cadeas de valor; a xeración de innovación e coñecemento; a competitividade territorial; e a consolidación dos servizos públicos.

Mentres o Goberno central segue sen aclarar a súa postura nin oferece alternativas de futuro aos traballadores da central térmica e da industria auxiliar e aos profesionais de sectores diretamente afectados polo futuro peche como os transportistas, a Xunta de Galicia xa investiu o pasado ano máis de 80 millóns de euros en medidas recollidas no Pacto de Estado.