Skip to main content
As Pontes

Endesa construirá nas Pontes o laboratorio central do grupo

Por 24 Maio, 2022Maio 25th, 2022Sin comentarios

Endesa construirá nas Pontes un novo edificio do laboratorio central do grupo, no que investirá 2,7 millóns de euros, que se manterá na localidade e non lonxe da localización actual. Con esta nova edificación, o seu obxectivo e ter separada a parte analítica do resto de dependencias e considera que se mellorará o almacenamento de produtos químicos.

Segundo sinalou Endesa nun comunicado, unha vez que a compañía dispoña da licenza municipal que xa solicitou, realizarase a obra que está previsto que dure uns nove meses

Este laboratorio, creado en 2008, naceu vinculado á actividade térmica, e ten a súa sede na planta de carbón que se atopa en proceso de peche. Agora, sinalan, “coa irrupción das enerxías renovables“, cambiaron a orientación das tarefas, de modo que actualmente opera “con todas as tecnoloxías”, o que implica que realiza estudos tanto “para térmicas de gas e carbón como para nucleares, solares, geotérmicas, hidráulicas e eólicas“.

Así mesmo, a empresa explicou que ao laboratorio central recorren todas aquelas plantas do grupo Enel que se atopan “cun evento inusual ao que non resulta sinxelo dar unha explicación”. Neste sentido, puxo como exemplo o caso de “parafusos que rompen aos poucos días da posta en servizo dun aeroxerador, aparición de substancias estrañas nos álabes dunha turbina ou nacemento de tubérculos no interior dunha tubaxe hidráulica”.

O equipo de investigadores do laboratorio –formado por 18 profesionais de alta cualificación– recibe mostras das pezas anómalas e sométeas a diversos estudos ata dar coa causa da incidencia. En todo caso, engaden, trátase sempre de casos relevantes e complexos.

Ademais, esta unidade dá soporte técnico ás centrais na análise de augas, de chans, de combustibles, de aceites, de graxas, de calcarias, de fibras, de compoñentes metálicos, de plásticos e doutros tipos de polímeros.

O obxectivo, indican, é coñecer as causas de acontecementos inesperados, sustentar tecnicamente reclamacións por deficiencias, analizar posibles investimentos, desenvolver proxectos ambientais e optimizar o gasto operativo en procesos químicos.

Por outra banda, cabe destacar que os seus servizos son demandados por calquera planta do grupo Enel. Por iso, o 45 % do seu traballo correspóndese con peticións de fóra de España. En concreto, confirmou a empresa, a maioría dos traballos de procedencia estranxeira veñen de Colombia, Arxentina, Perú e Italia.