Skip to main content
Vilalba

O PP vilalbés urxe un plan de mellora de pistas

O Grupo Municipal Popular insiste de novo sobre “o pésimo estado das pistas das parroquias do rural do noso concello” e, polo tanto, urxe ao goberno local a desenvolver un plan para “a mellora da rede viaria municipal de cara ao verán, aproveitando para facer obras no exterior agora que vén o bo tempo e pensando en poñer a disposición dos veciños unhas estradas en boas condicións de seguridade, antes dunha época na que hai máis circulación de vehículos”.

Os populares xa levaran ao pleno de xaneiro esta reivindicación que “non contou co apoio de ningún dos outros grupos da corporación: tanto o goberno do PSOE coma Vilalba Aberta se abstiveron na votación”, explica a voceira, Sandra Vázquez, que o considera “un desprezo total aos veciños das parroquias. De todas: Alba, Árbol, Belesar, Boizán, Corbelle, San Simón da Costa, Carballido, Codesido, Distriz, Gondaísque, Goiriz, Ínsua, Ladra, Lanzós, Mourence, Nete, Noche, Samarugo, Sancobade, Santaballa Román, Rioveso, Oleiros, Vilapedre, Tardade, A Torre, Xoibán e Xoexo”. O Grupo Municipal Popular volverá levar este asunto a pleno, “en defensa dos intereses dos veciños”.

Vázquez defende que “as pistas do noso extenso municipio precisan un plan realista e ordenado para tratar de mantelas nas mellores condicións posibles, priorizando actuacións en puntos onde o seu estado está máis degradado. Como partido de goberno sabemos que non se pode renovar toda a rede viaria ao mesmo tempo, pero é imprescindible reservar partidas presupostarias para actuar nas estradas que sexa preciso. Pero, lamentablemente e como todos sabemos, este goberno non é capaz de elaborar nin un proxecto de orzamento municipal e, pola súa ineficacia, o Concello non dispón do mecanismo necesario para financiar proxectos propios”.

Desbroce e mellora da sinalización nas parroquias

Tamén de cara ao verán, os populares urxen a poñer en marcha un plan de limpeza e desbroce das marxes das estradas porque “é necesario para garantir a visibilidade dos condutores nas pistas, contribuír tamén a reducir a maleza para previr posibles incendios e manter coidado o noso rural”.

O Grupo Municipal Popular tamén propuxera xa no pleno de decembro do ano pasado desenvolver un plan para a mellora da sinalización das parroquias, barrios e espazos de interese turístico e cultural que saíu adiante por unanimidade. Vázquez urxe, polo tanto, “a poñelo en marcha porque non chega só coa súa aprobación no pleno; senón que é preciso o compromiso do goberno e o desenvolvemento das xestións necesarias para que sexa unha realidade canto antes”.