Skip to main content
Vilalba

O Concello de Vilalba renovará a sinalización do centro urbano

Por 10 Maio, 2022Sin comentarios

O Concello de Vilalba renovará os paneis con sinalización informativa do casco urbano, co obxectivo de mellorar os servizos para os seus veciños e os visitantes que chegan ao municipio.

Serán un total de 106 sinais de varias cores, algunhas individuais e outras dobres, que se ubicarán en 37 postes de aluminio dun mínimo de tres metros de alto e un máximo de 4,50 metros.

As sinais recollerán máis de 160 indicacións: 12 delas ao Parador; 18 aos diferentes espazos de aparcadoiro; 6 ao auditorio; 6 para indicar a saída do concello; 13 ao centro urbano; 13 á oficina de turismo, e 12 ao polígono industrial.

Haberá otras 12 indicacións ao campo da Feira; 16 ao centro de saúde; 10 ao pavillón; 13 ás zonas escolares; 13 á Garda Civil; 2 para A Madalena; 8 á casa do Concello; 6 aos museos do municipio, e 4 á estación de autobuses.

“Un paso máis para mellorar os servizos municipais, neste caso no casco urbano e cunha mellora na rede de sinalización que beneficiará tamén ás persoas que veñen a Vilalba por traballo ou turismo”, explica o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández.

Ademáis destas novas sinais, que se instalarán entre a segunda quincena de maio e a primeira de xuño, continúan estes días no concello outras tarefas para humanizar o casco urbano e darlle un maior protagonismo aos peóns, como a instalación de 16 novas sinais indicativas nos pasos de peóns como medida de seguridade ou o pintado da zona azul na rúa José María Chao Ledo.