Skip to main content
Vilalba

O Lois Peña Novo de Vilalba colabora con Cruz Vermella para preparar un vehículo para emerxencias

Por 19 Maio, 2022Sin comentarios

Alumnado dun curso de Formación Profesional para o emprego e dos ciclos da familia de Automoción do IES Lois Peña Novo de Vilalba traballou na posta a punto dun vehículo de Cruz Vermella empregado para intervir en emerxencias e para outras actividades que desenvolve a entidade.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, visitou hoxe o centro para coñecer o resultado desta iniciativa, que supuxo a restauración completa da carrozaría e o mantemento mecánico dun vehículo tipo todoterreo Nissan Patrol RD 28 do ano 91. Tamén cooperou alumnado da FP Básica, que se encargou de pintar o coche.

Arias puxo en valor esta colaboración, que serviu para restaurar por completo un equipamento deteriorado e case sen uso para volver a poñelo en servizo. O delegado resaltou que a formación para o emprego xoga un papel esencial “para facilitar a capacitación profesional en sectores con demanda de traballadores”. Tamén salientou a aposta da Administración autonómica por avanzar na calidade da FP galega, “mellorando constantemente os contidos, os métodos da aprendizaxe e a eficiencia das instalacións dos centros públicos”, sinalou.

O delegado lembrou así mesmo que o Consello da Xunta vén de autorizar a segunda convocatoria da liña de axudas para financiar accións formativas dirixidas a persoas desempregadas no período 2022 e 2023. O Goberno galego vai investir 49,7 millóns de euros en achegas para financiar uns 1.207 cursos orientados a mellorar a cualificación de 12.379 persoas desempregadas no conxunto da Comunidade, co obxectivo de favorecer a súa inserción laboral.