Skip to main content
ViveiroXermade

Sae a información pública a mellora da estrada de Viveiro a Cabreiros

Vázquez Mourelle sinala que o proxecto está en información pública desde hoxe ata o 16 de xuño para avanzar nos trámites e licitar a 1ª fase das obras, que abarcará os concellos de Viveiro e Ourol onde a actuación é máis intensa, a finais deste ano.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, destacou hoxe o inicio da información pública da mellora da estrada Viveiro-Cabreiros, que suporá un investimento autonómico de 13,4 millóns de euros e acurtará o tempo de percorrido ao duplicar a extensión de terceiros carrís.

Vázquez Mourelle, co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou en rolda de prensa este proxecto, que estará en fase de información pública, para que os interesados poidan facer as súas achegas, desde hoxe ata o 16 de xuño. Despois seguirase avanzando nos trámites necesarios co obxectivo de licitar a primeira fase das obras, que abarcarán os concellos de Viveiro e Ourol onde a actuación é máis intensa, a finais deste ano.

Ethel Vázquez detallou que os obxectivos da actuación son reforzar a competitividade territorial das comarcas da Mariña e da Terra Cha, mellorar a seguridade viaria dos condutores e ofrecerlles aos veciños desprazamentos máis cómodos e rápidos.

Para iso, explicou, mellorarase a capacidade e acondicionarase un treito de case 35 quilómetros da estrada LU-540 entre Viveiro-Cabreiros, concretamente, entre o punto quilométrico 5 e o 39,5.

Actualmente, a conexión entre Viveiro e a AG-64 en Cabreiros, é dicir, coa rede viaria de altas prestacións para conectar con Lugo e con Ferrol, realízase a través dun itinerario de 40 quilómetros pola estrada LU-540 que require dun tempo aproximado de percorrido de 35 minutos.

O treito interurbano da estrada, a partir do punto quilométrico 5, unha vez pasado Landrove, presenta unha alta porcentaxe de prohibición de adiantamento, dun 73% en sentido Lugo e dun 83% en sentido Viveiro, e ten curvas de radio bastante reducido.

Fronte á situación actual, Ethel Vázquez remarcou que a Xunta achega un proxecto que aumentará a capacidade da vía e reducirá os tempos de percorrido mediante a implantación de carrís adicionais de adiantamento.

A actuación prevé a dotación de terceiros carrís nun total de 4,6 km de lonxitude entre os dous carrís, o que significa duplicar a lonxitude dos carrís adicionais existentes, chegando aos preto de 10 km.

Tamén se optimizará a seguridade viaria nas 9 principais interseccións para reducir os riscos con actuacións puntuais e efectuarase unha mellora puntual do trazado entre os puntos quilométricos 5 e 8, un treito que se dotará de cuneta de seguridade.

Ademais rectificaranse as curvas máis complicadas, ampliando os radios, de modo que todo o trazado permita circular a 90 km/h.

A intervención tamén recolle o reforzo integral do firme ao longo dos 35 quilómetros da vía, ademais de revisar a sinalización horizontal e vertical en todo o treito.

Vertebración territorial

A conselleira enmarcou esta actuación na aposta da Xunta pola vertebración territorial, achegando a Galicia rural á urbana e ofrecéndolles aos veciños da Mariña e de toda a provincia de Lugo máis calidade de vida e máis oportunidades de progreso.

Neste sentido, lembrou que o Goberno galego vén traballando de forma continua pola modernización e a renovación da rede viaria da provincia de Lugo.

Detallou actuacións como a autovía Nadela-Sarria, cunha primeira fase en estado de execución e a previsión de entrar en servizo este ano, grazas a un investimento autonómico de preto de 25 M€. Engadiu a redacción do treito restante, xa en proceso de contratación.

Tamén citou o acondicionamento do eixe Palas-Friol-Begonte, coa 1ª fase en execución cun orzamento de case 3 M€; ou a mellora do acceso ao Courel, non só solucionando o desprendemento, senón tamén investindo 3,4M€ no arranxo do treito Seoane-Ferrería Vella.

En contraposición con esta aposta da Xunta pola vertebración territorial, referiuse ao anteproxecto de Lei de mobilidade sostible co que o Ministerio de Transportes afonda na división de oportunidades do entorno urbano e do rural, e ao que o Goberno galego manterá a súa oposición.

Apuntou que o Goberno galego non aceptará que se supediten as infraestruturas e os servizos de mobilidade a criterios de rendibilidade económica, pois isto supón deixar Galicia sen trens, sen autovías e sen investimentos en acondicionamentos viarios como o hoxe presentado.