Skip to main content
Xermade

“Queremos facer un museo da tornería na reitoral de Xermade”

Por 15 Maio, 2022Maio 16th, 2022Sin comentarios

Roberto García Pernas, concelleiro polo PSOE desde o ano 2007, accedeu ao cargo de alcalde por vez primeira no 2015. Natural da parroquia de Lousada (1965), é titulado en FP Forestal-Ambiental, e funcionario da Xunta na Consellería de Medio Ambiente na zona de Ferrol. Está casado e é pai de dous fillos. Agora combina tamén o seu labor de alcalde co de deputado.

Pode facernos un balance do ano pasado para o Concello?

Balance é positivo exceptuando o tema da pandamia, que nos tivo a todos castigados e preocupados  pola saúde dos veciños. Como en todos os concellos, son moitas as actuacións que se realizan ao cabo dun ano, en especial cando as xuntamos, temos elaborado un resumo de todas as actuacións realizadas, entre as que figuran como máis relevantes, os arranxos en moitas estradas. Destacamos que xa temos a depuradora de Cabreiros realizada, aínda que  faltan un par de detalles. Por parte da Xunta subliñamos unha actuación importante como foi a estrada de Cabreiros a Xermade, e tamén outra vía de relevancia, a de Momán ás Pontes, na que se fixo outro tramo con cargo á Deputación. Sumamos tamén a adquisición da reitoral de Xermade, e a de Roupar tamén está comprada, pero estamos pendentes de formalizar porque hai un papeleo pendente. O ano pasado adquirimos un todoterreo co Fondo de Compensación Ambiental, e tamén compramos coa axuda da Deputación un coche de bombeiros para incendios forestais e recibimos unha coitela quitaneves para Protección Civil.

Que está previsto realizar este ano?

Este ano dentro do Plan Único temos previsto facer un depósito de incendios en Xermade, para evitar incendios forestais e para o uso das granxas e ademais temos previstas actuacións en bastantes quilómetros de estradas con dobre rego que están en regular estado. Aparte, temos en marcha un convenio coa Confederación para facer unha depuradora nova en Momán. Vanse facer tamén nalgunha zona algún aglomerado cos remanentes de tesourería, que serán máis ou menos 4 quilómetros de aglomerado, vanse arranaxar pistas forestais botando zahorra por todo o Concello. Así mesmo, temos pensado facer de novo o asfaltado en Lousada e en Burgás dende a escola ata as granxas da Lagoa.

E curto prazo que proxectos hai previstos?

Un dos proxectos que queremos darlle para adiante é á reitoral de Xermade, facer un museo da tornería, e na parte alta da planta unha sala multiusos para reunións porque o salón da biblioteca é pequeno. Hai que rehabilitada por dentro, temos unha subvención pedida á Xunta para isto pero de non ter esa axuda destinaríamos cartos do Plan Único do ano seguinte a esta función. Depois temos a reitoral de Roupar que é un proxecto da Universidade e a Deputación de Lugo para facer vivendas tuteladas e un centro da veciñanza. Agora en fase de solicitude temos varios proxectos, como a reparación de estrada en Rebuxentos, a mellora da Casa do Médico, a sinalización e mellora de pavimento na ruta de sendeirismo do Batán de Folgoso ou a mellora dos camiños de Sanche, Piñeiro e Framil. Tamén temos previstas varias actuacións no tema medioambiental, como a adquisición dunha desbrozadora e dun cortacéspede. Tamén estamos pendentes da implantación dun punto limpo móbil xunto co concello de Guitiriz, ademais de varias actuacións na zona reserva da biosfera, como a creación dun aparcadoiro de autocaravanas na contorna da área recreativa de Cabreiros e actuacións de embelecemento da zona de baño nesa mesma área recreativa ou a mellora da senda verde dende as Toxeiras ata a Pigaroa. No apartado cultural esperamos acometar a mellora do equipamento da biblioteca municipal.

“Temos en marcha un convenio coa Confederación para facer unha depuradora nova en Momán”

Cales son as necesidades máis urxentes do Concello?

A máis urxente dende o noso punto de vista é un centro de día, residencia ou unhas vivendas tuteladas para os nosos maiores. Non temos nada diso e vémonos con 600 persoas de máis de 65 anos dun total de 1.700 veciños, o que nos deixa unha poboación moi envellecida. Logo, xa dependendo da Xunta temos urxencia de que rematen a estrada que vai de Xermade a Momán, e tamén a de Momán ás Pontes, que está previsto que remate este ano por parte da Deputación.

Como describiría o seu Concello?

Xermade é un Concello rural, vive fundamente da gandeiría e do forestal cunha poboación envellecida. De feito, no tema forestal temos algún que outro problema coas empresas madereiras que cortan e que no inverno, esas máquinas grandes e con tanto peso destrozan camiños, en especial coas chuvias. Temos unha ordenanza sobre isto, pero, non sempre se cumpre.

E un desexo para este ano?

O desexo é que se pare a guerra, que se acabe a pandemia e que a economía se recupere. Tamén que veña poboación a vivir a Xermade. Temos un proxecto en marcha nesa liña, que se chama Habitat rural, dunha ONG de Coruña, que van a vir uns meses a dar uns cursos, para ver se a xente se anima a alquilar e a comprar.

Como levou Xermade a situación da pandemia?

En liñas xerais bastante ben, dende o Concello estivemos pendentes de levar alimentos e medicamentos aos veciños, tiñamos aos de Protección Civil e ao personal do Concello pendentes de calquera chamada pero en xeral, non houbo moitos contaxios, a xente respectou as normas, foi prudente. Eso si, paralizouse todo, festas, comidas, reunións, todas as actividades do Concello… pero o resto, temas de obras demais seguiuse de forma normal.

No relativo ao desenvolvemento industrial, que tedes previsto?

A intención nosa é que veñan empresas para crear postos de traballo e darlle vida. Hai bastantes parcelas no polígono industrial sen construír e no momento que haxa empresas interesadas intentaremos colaborar no que sexa posible dentro das nosas limitacións.

Hai dúas citas culturais obrigadas en Xermade. Que previsións hai para elas?

A dos torneiros está previsto para a terceira fin de semana de setembro seguindo a mesma liña que o ano pasado e o Premio Xermade na Historia xa rematou o prazo o 29 de abril e logo haberá que escoller o gañador. Volvendo ao encontro de Torneiros, o ano pasado pedimos que o declararan de interese turístico de Galicia e aínda non temos un conclusión por parte da Xunta, onde o solicitamos. Todo o que poidamos potencialo é importante xa que é un dos mellores de España, senón o mellor, participa xente da mellor que hai de españa e de fóra. Este ano de feito está previsto traer xente de fóra. No ano 2020 dada a situación de pandemia e non ser aconsellable a celebración presencial potenciouse a páxina web co obxecto de celebrar de forma virtual o XX Encontro. Tivo lugar unha gran acollida por parte dos participantes habituais, alcanzándose unha participación moi alta, 70 inscritos participando con fotografías de mais de 600 pezas pero xa volvimos a te lapresencial. O oficio de torneiro artesán da madeira estaba a piques de desaparecer cando se inician os Encontros en Xermade. Nos primeiros Encontros apenas había representación de torneiros de Xermade nin de concellos da contorna. Pola contra, na edición do 2021, de 58 participantes, 23 son de Galicia e deles 9 son de Xermade ou da contorna. Nos últimos 5 anos foi notable o incremento de visitantes, aínda que non están cuantificados de forma exacta, duplicándose dende 2014.

Tamén se creou a Aula Mentor. En que consiste?

A Aula Mentor é un programa de formación on line, flexible e con titorización personalizada, dirixido a persoas adultas maiores de 18 anos cun estenso catálogo de cursos cos que ampliar as súas competencias pesoais e profesionais que lles permitan reforzar as posibilidades de empregabilidade. Está instalada nas dependencias da Biblioteca Municipal e cremos que é un gran apoio para a poboación.

Dase importancia ao tema cultural no Concello.

Certamente, temos moita actividade, así, a biblioteca realiza actividades de fomento da lectura constantemente, tamén temos varios concursos como o de fotografía facemos andainas e conmemoramos as datas principais, como o nadal, o entroido, o Día da Muller, etc. Tamén colaboramos con todas as iniciativas que podemos como A Invernada de Cine, as Xornadas Rurais, etc, en esquecer as propias para os nenos como os campamentos de verán.

Xermade, como moitos outros concellos, ten problema coa asistencia sanitaria.

Si, a situación é mala e hai moito enfado da veciñanza porque algún día non vén o médico e outro día vén tarde ou marcha antes. Temos claro que un médico para 1.700 persoas só non é suficiente. Cando se produce unha urxencia ou ten que acudir a un domicilio, o centro de saúde queda desatendido. Tampouco axuda moito andar cambiando de médito todos os días, retrásase o funcionamento da atención sanitaria. Aquí recolléronse firmas, pero nada. Tamén falan de que vai vir un médico. Sabemos o de Vilalba, que se reforza o servizo, pero nós queremos que nos atendan aquí, porque logo vas ao PAC de Vilalba e póñenche pegas.

E os servizos bancarios?

Tiñamos Abanca en Roupar pero pasou de estar 5 días a dous días cun caixeiro, é insuficiente porque os días que van, non dan atendido, fórmanse colas e que ademais vén a xente de Muras e a cobertura é escasa.