Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Plataforma Sanitaria presentou a moción en defensa da saúde mental

Por 11 Xuño, 2022Sin comentarios

A Plataforma Sanitaria da Mariña vén de presentar aos medios a moción que elaborou en defensa da saúde mental e que nos vindeiros días será rexistrada nos Concellos da comarca para ser debatida nos plenos municipais. Os activistas sanitarios deron unha rolda de prensa diante do centro de saúde de Burela e destacaron a situación de emerxencia que está a sufrir o servizo de saúde mental da Mariña, cunha sola psiquiatra dos tres que conforman a dotación, para atender a unha comarca de preto de setenta mil habitantes.

“A ausencia dos outros dous facultativos produce unha enorme sobrecarga asistencial sobre a única profesional que existe a día de hoxe , retrasa o seguimento dos pacientes xenerando unhas longas agardas para o seu seguimento e provoca disfuncionalidade da unidade de continuidade de coidados”, contaron. E alertan tamén desde o colectivo sanitario que a dotación de psicólogos clínicos e moi inferior á media de profesionais do Estado, imposibilitando a realización de sesións de psicoterapia que permitirían a menor prescripción de psicofármacos. Explican tamén desde o colectivo que a unidade de atención a drogodependencias de Burela (UAD) atende aos catorce concellos da Mariña xestionada polo Concello de Burela a través de subvencións en vez de estar totalmente integrada no Sergas, e formando parte dos servizos de saúde mental.

RESTABLECER O FUNCIONAMENTO NORMAL DO SERVIZO

O colectivo sanitario insta á Xunta a que solucione de inmediato a situación de emerxencia asistencial que está a sufrir o servizo, substituíndo aos profesionais ausentes e mesmo que se aumenten ata acadar ratios de persoal equivalentes aos que se estan a dar no Estado.

Segundo comenta a coordinadora do colectivo, Montse Porteiro, “a saúde mental constitúe un dos alicerces da sanidade pública e non se pode permitir que desde a administración sanitaria se maltrate deste xeito a pacientes tan vulnerables e fráxiles. As declaracións do presidente Rueda decindo que os problemas da sanidade son puntuais e non duradeiros no tempo, parécenos unha burla cara aos profesionais e os pacientes e reflicten que “nada mudou na Xunta coa marcha de Feijoó , se acaso a cara do seu presidente porque as políticas sanitarias siguen a folla de ruta xa marcada e que conducen a acrecentar o sufrimento dos pacientes, a continuar coa precarización do persoal e a avanzar na privatización da sanidade pública”.